8M-FEGAMP pola igualdade

Data: 

domingo, 8 Marzo, 2020 (Todo o día)

Santiago de Compostela (8/03/2020).- O 8M celébranse os logros sociais, económicos, culturais e políticos acadados polas mulleres, pero tamén é un recordatorio do que queda por facer e un chamamento á participación para acelerar a chegada real da igualdade total. Este 2020 é un aniversario especial na loita pola igualdade de xénero; cúmprense 20 anos da resolución 1325  do Consello de Seguridade das Nacións Unidas sobre as Mulleres, a Paz e a Seguridade, 10 anos da creación ONU Mujeres, e 5 da aprobación da Axenda 2030 que inclúe un firme compromiso para gañar empoderamento das mulleres. Programas necesarios porque queda moito por acadar.

 

Os teitos de cristal existen, as diferencias laborais e salariais é un feito doado de comprobar e a muller está ausente de moitos foros porque non se procura a súa presenza sendo desprazada unha e outra vez cando a sociedade o que necesita é escoitar a súa defensa e o seu parecer. É dicir, estase a discriminar e acalar á metade da poboación. A promoción da igualdade entre homes e mulleres non é só cuestión de xustiza: é enriquecer á sociedade. E nesta misión de dar á muller o seu espazo nas mesmas condicións có home os gobernos locais temos un papel particularmente  decisivo por ser os máis próximos á cidadanía. Para iso é fundamental traballar desde a educación e a concienciación da cidadanía lexislando con perspectiva de xénero.

 

O apoio da FEGAMP á igualdade é incondicional e constante, e como xa fixeramos coa campaña #PoloBoTrato, facemos un chamamento a todas as institucións locais para traballar co obxectivo de promover a igualdade real entre homes e mulleres e comprometéndonos co decálogo de boas prácticas:

 

1. Empregar linguaxe libre de connotacións sexistas

2. Integrar a perspectiva de xénero nas nosas decisións

3. Difundir unha imaxe non sexista da muller

4. Traballar entre a poboación máis nova a prevención da violencia machista e os valores de igualdade e respecto

5. Fomentar a corresponsabilidade nas tarefas e a ética no coidado, tanto de menores como de persoas dependentes

6. Identificar e emendar as deficiencias que atopemos a nivel municipal na loita contra a violencia cara ás mulleres

7. Respectar a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, e a igualdade de oportunidades no cadro de persoal

8. Promover unha representación equilibrada de mulleres e homes en tribunais, xurados, comités e comisións

9. Rexeitar a contratación de actividades nas que se promovan unha imaxe sexista da muller

10. Prestar especial atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade

 

O cambio estáse a producir, pero inda que real, é lento.  E nese proceso as entidades locais temos a responsabilidade e o poder de axudar a que a sociedade percorra máis rápido o camiño á igualdade.