Aberto o prazo para participar no programa de voluntariado internacional 'Vacacións con Traballo'

Data: 

mércores, 25 Marzo, 2015 (Todo o día)

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ven de abrir o prazo de solicitudes para poder participar no programa de voluntariado internacional 'Vacacións con Traballo', que chega ao seu décimo aniversario. Nesta edición triplica o número de prazas dispoñibles: sete empregados das administracións locais e provinciais que son socias da entidade cooperarán durante un mes en Cabo Verde, Nicaragua e Honduras cos parceiros no sur. 

Os perfís solicitados pola Cámara Municipal de Ribeira Grande son os de arquitecto e técnico en Xestión Financeira, mentres que a Cámara Municipal de Santa Cruz require os de técnico de Medioambiente e responsable de Comunicación. A ONGD nicaraguana Instituto de Promoción Humana-Somoto oferta dúas vacantes de técnico de Turismo. A praza do Golfo de Fonseca está xestionada por Enxeñería sen Fronteiras dentro do proxecto de cooperación para o desenvolvemento financiado polo Fondo Galego, de aí que se priorice a un técnico especialista en Auga e Saneamento ou en Calidade da Auga.

Alén deses perfís prioritarios, hai outros que poden ser de interese para calquera traballador en activo que desexe participar. As candidaturas poderán presentarse ata o próximo 12 de maio, enviando ao enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.org o currículo e unha carta de motivación persoal, canda un escrito de apoio ou consentimento asinado polo representante político do Fondo Galego no Concello ou Deputación Provincial. Valorarase a vinculación co eido da cooperación, a participación na Rede Municipalista Solidaria e o coñecemento do país de destino.

As viaxes desenvolveranse no último cuadrimestre do ano e a organización cubre os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención. Desde o terreo, os voluntarios visibilizan a través dun blog a realidade do sur e as súas propias vivencias, que á volta tamén quedarán plasmadas nun caderno dixital. Amplifícase dese xeito a dimensión sensibilizadora desta iniciativa, que fomenta o intercambio de coñecementos, ao tempo que promove a solidariedade entre axentes locais. Na última década, trinta persoas participaron no programa 'Vacacións con Traballo'.