Aprobado por unanimidade un acordo marco para a viabilidade do Consorcio de Igualdade e Benestar

Data: 

mércores, 20 Abril, 2016 - 12:00

A Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias deu luz verde por unanimidade á sinatura dun acordo marco sobre os centros de día e as escolas infantís incluídas no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A proposta, que se pechará de maneira definitiva coa Xunta de Galicia nas vindeiras datas, determinará de xeito claro a contía que terá que pagar cada concello pola xestión destes servizos de 2016 en adiante. O pacto resolverá ademais a problemática das débedas contraídas polos municipios co organismo autonómico durante os pasados anos.

O acordo marco é froito das negociacións que mantivo os últimos meses a Fegamp coa Consellería de Política Social e segundo destacou o presidente da Federación, Alfredo García, “non só vai garantir a viabilidade no futuro do Consorcio Galego, senón que ademais ofrecerá mellores e máis claras condicións para a xestión destes servizos por parte dos municipios, xa que a Fegamp defendeu nel as alegacións que nos foron presentando”.

Segundo o acordado, os modelos de xestión vixentes en cada concello vanse analizar caso por caso, para que se teñan en conta as particularidades de cada un. A partir de aí, determinarase se teñen contraído débeda ou non co Consorcio, cal sería esa contía, a posibilidade de renegociala coa Xunta e o seu pagamento fraccionado durante os vindeiros  anos. Os concellos interesados en adherirse ás novas condicións poderán facelo de xeito voluntario.

O acordo permitirá ademais que se incorporen ao Consorcio novos concellos que así o desexen e que os seus centros de día e escolas infantís a día de hoxe xestionadas 100% de xeito municipal, pasen a integrarse no organismo.

O presidente da Fegamp puxo de manifesto na Executiva a importancia do traballo coordinado entre administracións e agradeceu a boa vontade recibida neste eido tanto da Consellería de Política Social, como do propio Consorcio Galego.  A previsión é que en datas próximas se pechen os últimos flocos do acordo, para asinalo de xeito oficial e poñelo a disposición dos municipios.