AXUDAS DESTINADAS Á COLABORACIÓN NO FINANCIAMENTO DE ACTUACIÓNS EN MATERIA DE ARQUIVOS 2017. PRAZO: 19-02-2018

Data: 

sábado, 20 Xaneiro, 2018 (Todo o día) a luns, 19 Febreiro, 2018 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria 

ORDE do 13 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2018. BDNS (Identif.): 378878.

Obxecto e finalidade

O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras e convocar axudas destinadas á mellora dos arquivos de Galicia, co fin de garantir unha custodia responsable e o acceso dos cidadáns aos documentos (código de procedemento CT130A).

A finalidade da axuda é a realización de actividades que teñan por obxecto a descrición de fondos documentais dos arquivos galegos segundo a metodoloxía arquivística.

Beneficiarios

Poderán optar a estas axudas as universidades, os entes locais e as entidades privadas sen fin de lucro galegas que conten cun local estable destinado a arquivo e custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia, entendido como tal o establecido no artigo 109 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Requisitos para participar

1. Os proxectos presentados deberán seguir as recomendacións e normas técnicas de arquivos dispoñibles no Portal de arquivos de Galicia.

2. Os solicitantes deberán dispoñer dunha aplicación informática de xestión documental que siga as normas técnicas de arquivos para a execución do proxecto.

3. O responsable técnico do proxecto será licenciado universitario ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, e deberá acreditar formación e experiencia profesional en materia de arquivos e patrimonio documental.

4. No caso dos entes locais, segundo o artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, será requisito para a concesión de subvencións que cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.

Financiamento e contía das axudas

- As axudas convocadas para este ano terán unha contía total de cento dous mil setecentos corenta euros (102.740 euros), que se imputarán aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 nas seguintes aplicacións orzamentarias e contías:

10.20.432A.744.4: 6.000 euros.

10.20.432A.760.0: 71.740 euros.

10.20.432A.781.0: 25.000 euros.

A tramitación desta orde faise por tramitación anticipada de gasto e queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para 2018.

- O proxecto será cofinanciado entre o solicitante e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 6.000 euros por proxecto, que en ningún caso poderá exceder o 80 % do investimento total aprobado.

- Este importe de 6.000 euros ascenderá a 8.000 euros cando se trate de solicitudes conxuntas, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

Prazo

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

Descargas: