AXUDAS DIRIXIDAS Á MELLORA ENERXÉTICA DOS EDIFICIOS DE VIVENDAS DE TITULARIDADE DOS CONCELLOS GALEGOS. PRAZO: 25-03-2017

Data: 

xoves, 26 Xaneiro, 2017 (Todo o día) a sábado, 25 Marzo, 2017 (Todo o día)

 

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 23 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, dirixidas á mellora enerxética dos edificios de vivendas de titularidade dos concellos galegos.

Obxecto e ámbito de aplicación

1. Estas subvencións teñen por obxecto as actuacións de mellora enerxética nos edificios de vivendas de titularidade municipal, co obxecto de subir, como mínimo, unha letra na escala de valores de cualificación enerxética en emisións de carbono e, ademais, reducir, polo menos, o 20% da demanda enerxética respecto a situación actual.

2. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o custo total da actuación subvencionable. Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, o proxecto poderá recibir axuda doutros fondos EIE, dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme a un programa distinto.

Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións os concellos titulares dos edificios contemplados no ámbito de aplicación que vaian realizar actuacións obxecto da subvención.

2. Para ter a condición de beneficiario será requisito necesario que o concello teña presentada no Consello de Contas as contas xerais do exercicio inmediatamente anterior á correspondente convocatoria, conforme ao artigo 208 e seguintes do texto refundido da lei reguladora de facendas locais, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.

3. Os beneficiarios non poderán estar incursos en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º da LSG.

Actuacións subvencionables

Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas obras que, cumprindo o obxecto previsto no artigo 6, consistan en actuacións integrais de melloras do illamento térmico e/ou da carpintería da envolvente, que poderán ir acompañadas de melloras nas instalacións térmicas, sempre que se axusten á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución.

Orzamento subvencionable

1. O orzamento subvencionable virá definido polo prezo das obras, os honorarios facultativos, os honorarios correspondentes á elaboración do informe de avaliación do edificio e a auditoría enerxética do edificio, así como o gasto relativo á placa de información e publicidade da actuación.

Tamén terán a consideración de orzamento subvencionable os tributos satisfeitos que fosen precisos por razón das actuacións, sempre que non poidan ser obxecto de recuperación polo beneficiario.

2. Establécense como prezos máximos para a redacción do orzamento das obras os das partidas da «Base de datos da construción de Galicia,» vixentes no momento da apertura do prazo de presentación de solicitudes e para as partidas non incluídas na base de datos, determinaranse os prezos por asimilación a outras partidas semellantes desta base de datos ou a aqueles que debidamente se xustifiquen.

O acceso á devandita base de datos pódese facer na páxina do IGVS a través do seguinte enlace: http://igvs.xunta.es/web/paraquen/66

Contía da subvención

A contía da subvención consistirá nunha porcentaxe do 80% do orzamento subvencionable, unha vez conformado polos servizos técnicos do IGVS.

Prazo

O prazo de presentación das solicitudes será de dous meses, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Descargas: 

galer_a_fotos