AXUDAS A INVESTIMENTOS NON PRODUTIVOS VINCULADOS Á REALIZACIÓN DE OBXECTIVOS AGROAMBIENTAIS E CLIMÁTICOS EN CONCELLOS INCLUÍDOS NA REDE NATURA 2000. PRAZO: 15-02-2018

Data: 

martes, 16 Xaneiro, 2018 (Todo o día) a xoves, 15 Febreiro, 2018 (Todo o día)

 

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 21 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2018 e 2019 das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. BDNS (Identif.): 380997.

Finalidade e obxecto

O obxecto desta orde é regular as bases do réxime de axudas dirixidas a restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nas zonas Natura 2000, os sistemas agrarios de alto valor natural, así como a mellorar o estado das paisaxes agrarias galegos dentro dos espazos protexidos ou nas súas áreas de influencia socioeconómica por medio de proxectos que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos e para o mantemento das condicións ambientais necesarias dirixidas á conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats. Incluiranse axudas destinadas a investimentos non produtivos necesarias para atinxir obxectivos ambientais, é dicir investimentos que non dean lugar a un aumento significativo do valor ou a rendibilidade das explotacións agrícolas e que contribúan á mellora do carácter de utilidade pública das zonas rede Natura 2000.

Así mesmo, convócanse as axudas correspondentes aos exercicios orzamentarios dos anos 2018 e 2019 en réxime de concorrencia competitiva (procedemento MT814A).

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

a) As persoas titulares de terreos agrícolas e forestais privados, entendendo por titulares as persoas físicas ou xurídicas propietarias ou arrendatarias ou xestores de terras que realicen investimentos non produtivos necesarios para alcanzar os compromisos adquiridos baixo programas agroambientais ou outros obxectivos ambientais na rede Natura 2000, ou aqueles que realicen investimentos nunha explotación que reforce o carácter de utilidade pública dunha zona Natura 2000 ou outras áreas de alto valor natural.

b) Os concellos incluídos na rede Natura 2000 na súa condición de xestores de elementos comúns da paisaxe agraria.

c) As asociacións ambientalistas e de custodia do territorio que sexan propietarias ou arrendatarias de terras agrícolas incluídas en áreas elixibles.

Ámbito territorial

Para os efectos do seu financiamento a través do PDR 2014-2020, as axudas da presente convocatoria aplicaranse a proxectos que se desenvolvan en zonas rurais (ZPP) ou intermedias (ZIP) do ámbito de aplicación do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, conforme a clasificación establecida polo grao de urbanización a nivel de parroquia [fonte: Instituto Galego de Estatística: Clasificación do grao de urbanización das parroquias (GU 2016)]. Deben considerarse non admisibles as actuacións en parroquias definidas como densamente poboadas (ZDP) recollidas no anexo X.

Tamén se aplicará a proxectos que se desenvolvan en zonas rurais (ZPP) ou intermedias (ZIP) dos terreos inmediatamente limítrofes cando da actuación resulte un beneficio directo para a ZEC ou ZEPA correspondente.

Exclúense do ámbito desta orde os concellos que estean incluídos total ou parcialmente nun parque natural.

En ningún caso se financiarán actuacións en solo forestal que estean previstas na medida do artigo 25 do Regulamento (UE) 1305/2013.

Contía

1. Crédito total da convocatoria: 2.493.726 euros. Este importe poderase modificar ou incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Concederase o 100 % do custo subvencionable, cun importe máximo de 20.000 euros/proxecto no caso dos beneficiarios da alínea b) e de 12.000 euros no caso dos beneficiarios das alíneas a) e c).

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Descargas: