AXUDAS PARA ACTUACIÓNS ENCAMIÑADAS Á PROTECCIÓN DOS ANIMAIS DOMÉSTICOS DE COMPAÑÍA ABANDONADOS EN GALICIA PARA O ANO 2019. PRAZO: 16-09-2019.

Data: 

martes, 11 Decembro, 2018 (Todo o día) a luns, 16 Setembro, 2019 (Todo o día)
gato diante dunha porta

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda 

ORDE do 23 de novembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia e se convocan axudas para o ano 2019. BDNS (Identif.): 426276.

Obxecto e principios de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia relativas á atención e coidado dos animais domésticos de compañía que se atopen nos centros de recollida autorizados e/ou formen parten de colonias felinas reguladas no artigo 26 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2019 (procedemento MT811A).

2. Para os efectos do disposto no número anterior, entenderanse por animais domésticos de compañía os pertencentes ás especies canina e felina, e por animal entregado en adopción o animal doméstico abandonado que foi cedido en adopción nun centro de recollida autorizado e que consta correctamente inscrito a nome da persoa adoptante no Registro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac) segundo o recollido no artigo 4.7 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.

3. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as corporacións locais que, no seu ámbito territorial:

a) Presten o servizo de recollida e acollemento de animais e/ou a xestión de colonias felinas por si mesmas ou asociadas, en réxime de xestión directa ou indirecta.

Ou ben

b) Presten o servizo de recollida e acollemento de animais e/ou xestión de colonias felinas mediante convenio e/ou acordos de colaboración nesta materia con outras administracións públicas e entidades, como as asociacións de protección e defensa dos animais inscritas no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.

2. En todo caso, o acollemento dos animais abandonados deberá terse realizado en centros debidamente autorizados para tal fin ou nos fogares de acollida dependentes deles e/ou en colonias felinas, reguladas no artigo 26 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.

Actuacións subvencionables

1. Serán actuacións subvencionables ao abeiro desta orde de axudas as destinadas á atención e coidado dos animais domésticos de compañía que se atopen nos centros de recollida autorizados e/ou formen parten de colonias felinas reguladas no artigo 26 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, e relativos aos gastos derivados do acto clínico para:

a) A esterilización cirúrxica dos animais coa dobre finalidade de evitar a súa reprodución incontrolada e promover a súa adopción.

b) A identificación animal mediante a implantación de microchip, correspondente inscrición no Regiac e expedición de pasaporte sanitario, de acordo co recollido no artigo 12 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.

2. Non será obxecto de subvención o imposto do valor engadido (IVE).

3. En todo caso, a contía da subvención non poderá ser nunca superior ao custo da acción subvencionable.

Ámbito temporal

As axudas a que se refire esta orde comprenden os gastos subvencionables recollidos no artigo 2 que fosen efectivamente realizados no período comprendido entre o 1 de setembro de 2018 e o 31 de agosto de 2019.

Contía da axuda

1. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá subvencionar as actuacións recollidas no artigo 2 nas seguintes contías máximas:

a) Gastos derivados do acto clínico veterinario da esterilización cirúrxica: ata un máximo de 100 €/animal esterilizado da especie canina e de 85 €/animal esterilizado da especie felina.

b) Gastos derivados do acto clínico veterinario para a identificación animal: ata un máximo de 30 €/animal identificado.

2. No caso de superación das dispoñibilidades orzamentarias poderán axustarse as contías pro rata entre todas as entidades beneficiarias. O réxime de rateo farase atendendo á puntuación obtida no proceso de valoración.

3. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidade orzamentaria.

Prazo 

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 16 de setembro de 2019.

Descargas: