AXUDAS VINCULADAS Á CONSERVACIÓN, RECUPERACIÓN E REHABILITACIÓN DO PATRIMONIO NATURAL E CULTURAL E Á SENSIBILIZACIÓN ECOLÓXICA NA REDE DE RESERVAS DA BIOSFERA DE GALICIA. PRAZO: 09-09-2019

Data: 

sábado, 10 Agosto, 2019 (Todo o día) a luns, 9 Setembro, 2019 (Todo o día)

 

Consellería de medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Orde do 6 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2019 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de reservas da biosfera de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MT724A). BDNS (Identif.): 469551.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2019 (procedemento MT724A) das axudas recollidas no parágrafo 1.f) do artigo 20 do Regulamento 1305/2013 (UE) do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); axudas recollidas no marco da operación 7.6 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período de programación 2014-2020, cuxa denominación é Estudos e investimentos vinculados á conservación do patrimonio cultural, natural e sensibilización ecolóxica.

A finalidade desta orde é promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural de zonas rurais cun elevado e contrastado valor natural como son as reservas da biosfera.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos incluídos no ámbito territorial de calquera das reservas da biosfera de Galicia.

2. É condición necesaria para a admisibilidade das accións que estas estean incluídas especificamente ou ben sexan coherentes cun instrumento de planificación: plan de acción dunha reserva da biosfera, plan de xestión dun espazo ou especie protexida, plans de ordenación cinexética, plans de xestión de poboacións ictícolas e plans técnicos de ordenación dos aproveitamentos piscícolas, entre outros. Ademais, realizaranse en coherencia cos plans de desenvolvemento dos municipios, cando existan os devanditos plans ou, de ser o caso, coas estratexias de desenvolvemento local pertinentes.

3. En especial, se a actuación se realiza dentro dun espazo natural protexido, debe ser acorde coa normativa establecida nos instrumentos de planificación aprobados pola Administración autonómica.

4. Por tratarse dun requisito de admisibilidade, farase referencia obrigada no anexo I desta orde á disposición, acordo ou decisión pola que se aprobou o instrumento de planificación en que se enmarca ou tipifica a actuación proposta. Comprobarase ao longo do procedemento a súa validez e vixencia.

5. Os investimentos realizaranse sobre propiedades da entidade beneficiaria da axuda e sempre que a súa execución non corresponda a persoas xurídicas de dereito privado, aspecto que se comprobará ao longo da tramitación deste procedemento. Tampouco se considerarán subvencionables os investimentos para os que exista unha reserva de dominio ou cesión a favor de terceiros.

6. Non será subvencionable a compra e instalación de maquinaria ou equipos de segunda man, nin os gastos relativos ao traslado de maquinaria xa existente ata o local ou emprazamento do proxecto.

7. Os investimentos en maquinaria e equipamentos financiados mediante leasing poden ser subvencionables se existe un compromiso de adquisición do ben ao termo do contrato de leasing e, en todo caso, dentro do prazo previsto para a execución do proxecto.

8. En ningún caso poderán ter a condición de entidades beneficiarias aquelas que concorran nalgunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta orde as deputacións provinciais e as mancomunidades de concellos.

Contía

1. Crédito total da convocatoria: 600.000 euros. Este importe poderase modificar ou incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O importe máximo será de 30.000 euros/proxecto e só se admitirá unha solicitude de axuda e un único proxecto por solicitante.

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes irán dirixidas aos servizos de Patrimonio Natural da xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda correspondente. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 151.945 KB
PDF icon DOG Nº. 151 - EXTRACTO473.71 KB