BASES REGULADORAS PARA A SELECCIÓN DE ESTRATEXIAS DE DESENVOLVEMENTO LOCAL E PARA A SELECCIÓN E RECOÑECEMENTO DOS GDR COMO ENTIDADES COLABORADORAS NA XESTIÓN DA MEDIDA LEADER GALICIA 2014-2020. PRAZO: 02-07-2016

Data: 

xoves, 3 Marzo, 2016 (Todo o día) a sábado, 2 Xullo, 2016 (Todo o día)

 

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2016 pola que se publica o Acordo do 10 de febreiro de 2016 polo que se aproban as bases reguladoras para a selección de estratexias de desenvolvemento local, para a selección e recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia e para a concesión da axuda preparatoria, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convoca o correspondente proceso de selección.

Obxecto

As estratexias de desenvolvemento local poden contribuír a varios dos obxectivos dos fondos estruturais de investimento europeos (fondos EIE); non obstante o desenvolvemen­to local participativo debe efectuarse no contexto dun único obxectivo temático. No ámbito do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) prográmase integramente na área focal: 6B «promover o desenvolvemento local nas zonas rurais». Non obstante, tendo en conta a súa natureza e as operacións que, coas limitacións e condicionantes establecidos nestas bases se incluirán nas estratexias dos GDR, servirá para contribuír á consecución doutras prioridades e áreas focais, en particular, as seguintes:

1A: fomentar a innovación, a cooperación e o desenvolvemento da base de coñecemen­tos nas zonas rurais.

2B: facilitar a entrada no sector agrario de agricultores adecuadamente formados, así como o revezamento xeracional.

3A: mellorar a competitividade dos produtores primarios, fornecendo valor engadido aos produtos agrarios e promocionándoos nos mercados locais.

4A: restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade, os sistemas agrarios de alto valor natural, así como o estado das paisaxes europeas.

5: promover a eficiencia dos recursos e fomentar o paso a unha economía baixa en car­bono e capaz de adaptarse ao cambio climático nos sectores agrario, alimentario e forestal.

6A: facilitar a diversificación, creación e desenvolvemento de pequenas empresas e a creación de emprego.

6C: mellorar a accesibilidade ás tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), así como ao uso e a calidade destas nas zonas rurais.

 

Dentro dos obxectivos do Feader para contribuír á estratexia Europa 2020, a metodo­loxía Leader contribúe directamente a «lograr un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación do emprego». Os GDR contribuirán coas súas estratexias a xerar capacidade na comunidade local e esti­mular a innovación, a iniciativa empresarial e a fomentar o desenvolvemento e a detección do potencial aínda sen explorar nos territorios rurais.

Tendo en conta as características específicas do territorio rural galego e o xa citado obxectivo de contribuír á estratexia europea 2020 acadando un desenvolvemento territorial equilibrado, incluíndo a creación e a conservación do emprego, o enfoque Leader para o período 2014-2020 en Galicia, orientarase á consecución prioritaria dos seguintes obxec­tivos:

a) Mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural.

b) Mellorar e implementar servizos para a poboación nas zonas rurais, favorecendo a mellora do nivel de vida da poboación rural, a inclusión social e a redución da pobreza.

c) Favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial aos co­lectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, os mozos/as, as persoas con discapaci­dade, as persoas maiores, etc.

d) Garantir a sustentabilidade da actividade no medio rural mediante un coidado e utili­zación adecuados dos recursos naturais.

e) Potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio.

f) Contribuír á concienciación e ao fomento da necesidade de pasar a unha economía baixa en carbono e capaz de adaptarse ao cambio climático, fomentando a utilización de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será de catro meses contados desde o día se­guinte ao da publicación deste acordo no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se no mes de vencemento non houber día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo fina­liza o último día do mes. No caso de que o último día de prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Máis información:

-No Diario Oficial de Galicia (DOG. Nº 42) 

-Na Dirección Xeral da AGADER:

·         Web: http://agader.xunta.es

·         Teléfonos: 981 54 73 60 e 981 54 73 65.

·         Enderezo electrónico: agader.subdireccionrelacionsgal@xunta.es  // area.apoio.agader@xunta.es

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 421.5 MB