Coa nova orde de Espectáculos os concellos tramitarán os permisos de ampliación e redución extraordinaria de horarios

Data: 

xoves, 11 Xullo, 2019 - 09:30
Alfredo García, Santiago Villanueva,Marta Fernández Tapias

Na reunión mantida coa Xunta sobre a nova orde de horarios de establecementos, espectáculos públicos e actividades recreativas, a Fegamp propuxo aos concellos como mellores coñecedores da realidade municipal para xestionar a ampliación e redución de horarios.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2019.- O presidente da Fegamp, Alfredo García, reuniuse na sede da Fegamp co director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, para tratar os avances da nova orde de horarios de establecementos, espectáculos públicos e actividades recreativas.

A Xunta buscaba a opinión do municipalismo cando se está a piques de rematar o novo catálogo de horarios aos que terán que adaptarse os locais que está previsto que estea listo e en marcha ao final deste ano.

Alfredo García destacou tras a reunión a importancia das administracións locais como coñecedoras de primeira man das distintas realidades municipais: “desde a Fegamp temos claro que os concellos son os que mellor coñecen a realidade local polo que pedimos maior potestade municipal para realizar ampliacións ou reducións extraordinarias de horario en circunstancias especiais ou específicas e iso foi o que lle trasladamos á Xunta”, aclaraba.

O director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, corroborou as palabras de García asegurando que os permisos de ampliación e redución extraordinaria de horarios –  que ata agora eran concedidos ou denegados polas Delegacións Territoriais co pertinente informe do concello afectado – serán dados coa nova orde directamente polos concellos para simplificar e axilizar os trámites pero tamén por contar os concellos cun maior coñecemento dos seus eventos e tamén das súas necesidades concretas.

Tras esta reunión, o vicepresidente executivo da Fegamp, Manuel Mirás, asistiu o 22 de xullo ao Grupo de Traballo de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas ao que se levou desde a Fegamp unha proposta de consenso entre todos os grupos políticos representados na Federación na se que se pedía autoridade para os concellos como mellores coñecedores da realidade municipal para xestionar a ampliación e redución de horarios e se contemplaba o establecemento duns horarios conformes a todas as partes implicadas –asociacións veciñais, representantes de orquestras, comisións de festas, etcétera– e no que todo o mundo vise reflectida a súa postura.

Ao fin, entre outros acordos, estableceuse o peche das verbenas ás 3.30 horas en día de semana e as 4.00 horas en véspera de festivo e día festivo, e tamén se ratificou a competencia municipal para ampliar ou reducir de forma extraordinaria o horario de peche en función das particularidades e casuísticas de cada poboación, do lugar de celebración ou da festa que se estea a levar a cabo.