CONCESIÓN DO DISTINTIVO BANDEIRA VERDE DE GALICIA. PRAZO: 21-09-2020

Data: 

martes, 28 Xullo, 2020 (Todo o día) a luns, 21 Setembro, 2020 (Todo o día)

 

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 20 de xullo de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia (código de procedemento MT401A).

Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto crear o distintivo Bandeira Verde de Galicia co que premiar aqueles concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que destaquen polas súas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe; e proceder tanto á regulación do procedemento de concesión como á súa convocatoria para o ano 2020.

2. O distintivo Bandeira Verde de Galicia é unha iniciativa que busca distinguir os concellos máis dinámicos neste eido, desenvolvendo boas prácticas para o coidado da súa contorna, o respecto á paisaxe, a redución das súas emisións de CO2, o fomento da correcta xestión do lixo, a adopción de medidas para garantir a integridade e limpeza de espazos de interese, a posta en valor de monumentos naturais, educación e sensibilidade ambiental, a redución do consumo enerxético e moitas outras, cun distintivo que sexa recoñecido pola cidadanía e polos potenciais visitantes, fortalecendo a imaxe das vilas e aldeas máis comprometidas nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.

3. O código de procedemento administrativo é MT401A.

Criterios para o outorgamento do distintivo Bandeira Verde de Galicia

O distintivo Bandeira Verde de Galicia outorgarase tendo en conta o grao de cumprimento dos criterios de valoración que son obxecto de desenvolvemento no anexo I desta orde. Os ámbitos de actuación nos que se encadrarán as accións incluídas nas candidaturas dos municipios son os seguintes:

a) Protección da paisaxe.

b) Cambio climático e eficiencia enerxética.

c) Xestión responsable dos residuos.

d) Accións de sensibilización e comunicación.

Destinatarios

Poderán optar ao recoñecemento do distintivo Bandeira Verde de Galicia, todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que desenvolvan actividades relacionadas cos criterios previstos no artigo anterior, sempre que cumpran o establecido nesta orde de convocatoria.

Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para a presentación das solicitudes das candidaturas será de 40 días hábiles contados a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Consonte co disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o prazo concluirá o mesmo día no que se produciu a publicación no mes de vencemento. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Cando un día fose hábil nun concello ou comunidade autónoma en que residise o interesado, e inhábil na sede do órgano administrativo, ou á inversa, considerarase inhábil en todo caso.

Descargas: