CONGRESO INTERNACIONAL EMIGRACIÓN E INMIGRACIÓN POR RAZÓNS LABORAIS NO RURAL DA UNIÓN EUROPEA

Data: 

mércores, 4 Outubro, 2017 (Todo o día) a venres, 6 Outubro, 2017 (Todo o día)

O Concello de Vimianzo, en colaboración co Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais da Universidade da Coruña (ESOMI – www.esomi.es), organiza o Congreso Internacional «Emigración e inmigración por razóns laborais no rural da Unión Europea». O congreso enmárcase no proxecto «ERN4mob – European Rural Europe for Job Mobility», financiado polo programa Europa cos Cidadáns – Redes de Cidades 2015, e levarase a cabo do 4 ao 6 de outubro de 2017, no auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo (rúa Braña B, 15129 Vimianzo, A Coruña).

O congreso está dirixido ao público en xeral, e especialmente aos cidadáns involucrados nalgún proceso de mobilidade na Unión Europea (por motivos de traballo ou por xubilación, emigrantes na UE ou emigrantes retornados), familiares e amigos desas persoas e xente nova desempregada; tamén a todos os axentes sociais que traballan no ámbito da migración, a inclusión social e o emprego. Pretende reflexionar sobre a realidade actual en diferentes comunidades rurais europeas e sobre as causas que producen os distintos niveis de desenvolvemento e de oportunidades, e xeran os desprazamentos humanos; tamén dar respostas prácticas a cuestións relacionadas coa mobilidade europea, nun territorio como Vimianzo, caracterizado pola emigración (principalmente por razóns laborais e económicas), e presentar os resultados do proxecto ERN4mob e perspectivas de futuro.

As persoas interesadas en participar nas actividades do congreso poden inscribirse gratuitamente cubrindo o formulario online https://goo.gl/RiKH6B, ou ben contactando coa organización a través do teléfono 981 716 001 / ext. 1220 ou no enderezo electrónico congreso@vimianzo.gal.

A data límite para a inscrición é o día 29 de setembro de 2017.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon Carta invitación 314.17 KB
PDF icon Programa 447.93 KB