DECLARACION INSITUCIONAL DA FEGAMP fronte aos lumes

Data: 

mércores, 18 Outubro, 2017 - 13:00

Na  Comisión Executiva Outubro 2017 celebrada o 18 de outubro na Fegamp consensuouse a declaración institucional sobre os lumes. O texto da mesma a continuación:

 

OS CONCELLOS DEMANDAN SOLUCIÓNS

Hoxe, desde a Federación Galega de Municipios e Provincias, choramos por todas as comarcas galegas, portuguesas e asturianas que teñen pasado por unha situación de alerta máxima debido á vaga de lumes que puxo en risco ás persoas, aos animais e ao medio ambiente.

Esta traxedia non marcha de balde de Galicia, senón que deixa xa detrás de si a 4 vítimas mortais, decenas de feridos e miles de hectáreas queimadas.

 

As causas que se veñen barallando son diversas: cambio climático, efecto 30, abandono do monte, política forestal, intereses inmobiliarios, brigadistas cabreados, conflitos nas comunidades de montes, cotos de caza, terrorismo, tensións...Só unha investigación rigorosa poderá dar respostas.

 

A actuación inmediata da xente, dos galegos e galegas inmersos na terrible situación de ver o lume ao pé das súas casas, foi inmellorable. Unha honra ver a todo un pobo loitando contra o lume, organizándose sen apenas medios e con pouca coordinación externa, para aproveitar todos os recursos dispoñibles.

 

Aos servizos de extinción: Garda Civil, Bombeiros, Policía Nacional, Policía local, persoal das Deputacións, GES, UME e Brigadas Forestais, queremos transmitirlle o noso agradecemento máximo ao seu traballo. Salvaron a vida de moitos galegos e galegas, evitando que esta traxedia fose de maior magnitude. Queremos tamén desde a Fegamp facer unha mención especial para os alcaldes e concelleiros que estiveron horas e horas ao fronte destes dispositivos.

 

Os incendios destes días deben ser un punto e aparte para unha nova política fronte ao lume baseada na ordenación do territorio que evite que estes actos se repitan. Baixo o noso punto de vista, un monte que non produce é un monte que está condenado a arder. Temos que ser capaces entre todos e todas de consensuar como poñer en valor o noso monte para que isto non ocorra de novo.

 

Por último recordar que dende a Fegamp puxemos de manifesto no mes de xuño, tras o noso Consello Federal, a preocupación dos concellos ante a  imposibilidade de facer fronte á limpeza das Franxas de Protección dos núcleos rurais pola falta de medios económicos e de persoal, así como a dificultade para identificar as aos titulares das parcelas e o acceso ás mesmas. Solicitamos tentar chegar a acordos que solucionaran este problema que nos preocupaba á hora de garantir a seguridade fronte a posibles lumes nos nosos municipios. Non recibimos outra resposta que unha carta  recordatorio do que di a lei.

 

Desde a Fegamp reiteramos a nosa disposición para falar coa administración na procura de solucións conxuntas aos problemas reais que existen no monte galego, como o son  as franxas de protección dos 30.000 núcleos rurais que existen en Galicia.

 

En base a todo isto dende a Fegamp demandamos:

  • a aprobación por parte da Xunta e o Goberno Central dun paquete de medidas urxentes para paliar na medida do posible os graves danos ocasionados
  • coñecer como se van a xestionar as axudas, as contías e o os criterios de reparto
  • a posta en común de todas as administracións relacionadas co monte para poñerse a traballar evitando así situacións como as vividas nos últimos días de cara a unha efectiva ordenación do territorio e da súa posta en valor
  • motivar ás industrias de aproveitamento agroforestal, así como a iniciativas particulares, para que se establezan nos territorios rurais
  • a posta en marcha unha rigorosa investigación para decretar as causas reais desta vaga de lumes
  • endurecer as sancións polo abandono e falta de limpeza das parcelas co fin de concienciar á poboación da importancia da prevención