Estudarase ampliar para os concellos o prazo de xustificación das obras do Plan marco

Data: 

mércores, 6 Xuño, 2018 (Todo o día)
Reunión sobre a ampliación para os concellos do prazo de xustificación das obras do Plan marco

Tras detectar un problema cos prazos de xustificación esixidos pola nova lei de contratos e a xestión das axudas do Plan marco, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) solicitou unha reunión Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) do que depende esta axuda. Desde o Agader amosáronse coñecedores desta problemática e dispostos tratar o tema de forma conxunta e solucionalo á maior brevidade posible. Por iso, o presidente da Fegamp, Alfredo García, acompañado da xunta de voceiros da federación, mantiveron esta mañá esa xuntanza co director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, acompañado por outros membros da consellería do Medio Rural e da dirección xeral da Administración Local, na sede da Fegamp; o obxectivo da reunión era chegar a acordos que evitasen a perda de subvencións municipais pola imposibilidade de cumprir os prazos de xustificación dos investimentos realizados coas axudas do Plan marco por mor das modificacións que introduce a nova lei de contratos do sector público. Así o mércores 6, o director de Agader, a falta da publicación da resolución oficial, comprometeuse a estudar a posibilidade de ampliar ata o 20 de novembro de 2018 a data que inicialmente estaba establecida nas bases reguladoras para a primeira anualidade do plan de camiños. Por outra banda tamén se valorará que os concellos poidan pedir o anticipo da anualidade de 2018 para facilitar o pago desta primeira xustificación. Desta forma os concellos contarían con medio ano para realizar as obras e xustificalas a tempo, non tendo que renunciar así as axudas pola falta de prazo na xustificación. En concreto, estamos a falar de 16 millóns de euros distribuídos en dúas anualidades (2018-2019) de 8 millóns cada unha, que cada ano saca adiante a Consellería do Medio Rural dentro do Plan marco de mellora de camiños municipais aos que poden acceder os concellos para realizar o mantemento das pistas de titularidade local. O importe das axudas concedidas aos 313 concellos concédese segundo a aplicación duns parámetros obxectivos consensuados coa Fegamp. A subvención concedida por Medio Rural cubre o total dos gastos que son susceptibles de ser subvencionados agás o IVE que correrá por conta dos Concellos.