A campaña ECOLUCIONA inclúe material divulgativo gratuíto para os concellos

Data: 

mércores, 14 Novembro, 2018 - 12:00
Benito Blanco (LIR) e Alfredo García (Presidente da Fegamp)

A Fegamp, en colaboración co Laboratorio de Ideas sobre Residuos (LIR) presentou a campaña ECOLUCIONA con motivo da Semana Europea de Prevención de Residuos que se celebra do 17 ao 25 de novembro. O presidente da Fegamp, Alfredo García, xunto con Benito Blanco Pequeño, coordinador de estudos e proxectos do LIR, realizaron na sede da Fegamp a presentación ante os medios de comunicación dos vídeos que teñen o obxectivo de concienciar á cidadanía na redución dos residuos que xeran.

Os vídeos desta campaña poderán ser empregados por todos os concellos galegos personalizados coa súa propia imaxe corporativa: “Para dar unha maior cobertura desde Galicia a esta semana europea, desde a Fegamp desenvolvemos esta campaña composta por 10 vídeos que poden ser empregados polos concellos galegos coa súa propia imaxe corporativa” explicaba o presidente. Os vídeos da campaña ECOLUCIONA propoñen cambios de hábitos como por exemplo reducir a cantidade de envoltorios e envases que consumimos no noso día a día, evitar desfacernos de comida en bo estado tanto en casa como en restaurantes, fomentar o intercambio e a compravenda de produtos en desuso, desfacernos de electrodomésticos ou baterías correctamente ou limitar o uso de produtos contaminantes no fogar.

A  Semana Europea de Prevención de Residuos celébrase anualmente para concienciar sobre a correcta xestión dos residuos a nivel europeo, actuando tanto desde entidades privadas como desde organismos públicos, a todos os niveis. Nesta edición, a Semana Europea de Prevención de Residuos pon o foco na eliminación de elementos perigosos, tales como produtos químicos, contaminantes, de limpeza, baterías, etcétera. O presidente da Fegamp, Alfredo García, explicou os obxectivos da campaña ECOLUCIONA:  “a intención é crear conciencia social sobre a necesidade de tratar correctamente determinados produtos e  consumibles que utilizamos no noso día a día e que xeran residuos contaminantes, que en algúns casos non se están tratando correctamente e que provocan un impacto ambiental que nós, como cidadáns, podemos acoutar e evitar, cambiando algúns hábitos, desde o noso propio fogar”, concluía García.