A Fegamp celebra a continuidade dos GES nun convenio que mellora o anterior

A Federación Galega de Municipios e Provincias valora positivamente a aprobación do convenio trienal dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), que hoxe quedou ratificado polo Consello da Xunta de Galicia. O marco regulador apróbase como unha addenda do vixente, pero incluíndo modificacións que responden a algunhas das demandas comúns entre os entes locais, recollidas pola Fegamp e trasladadas á Consellería do Medio Rural e á Vicepresidencia da Xunta.

Logo de intensas semanas de negociación e reunións dos alcaldes e alcaldesas co equipo técnico e executivo da Fegamp, o borrador foi incorporando melloras que os gobernos locais consideraban imprescindibles para garantir a continuidade do servizo. A súa aprobación precisaba da maior axilidade posible, xa que o 31 deste mes caducaba o acordo vixente e de non haber renovación suporía a desaparición dos GES.

O presidente da Fegamp, Alfredo García, afirmou que o convenio aprobado “xa de partida é mellor para os municipios que o que estaba vixente, pero é que ademais abre a posibilidade a seguir suplindo posibles carencias nos vindeiros meses”. De feito o compromiso do goberno galego coa Fegamp é que aqueles flocos que aínda non estean pechados, poidan irse solucionando na primeira metade de 2016.

Alfredo García destaca que o convenio sigue en pé “grazas á boa vontade de alcaldes e alcaldesas, que cumpriron co espírito de unanimidade que defendemos desde a actual directiva da Fegamp”. O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias tamén valora que a Xunta accedese a incluír os cambios necesarios para posibilitar a continuidade das patrullas de servizo.

A día de hoxe hai en Galicia  24 Grupos de Emerxencia Supramunicipais que dan atención ás súas áreas territoriais. Unha vez aprobado o convenio, agora ten que ser asinado por Fegamp, Xunta e as Deputacións Provinciais, para que os concellos poidan manter o servizo durante os vindeiros tres anos.