A Fegamp celebra a súa Executiva en Outeiro de Rei en homenaxe á figura de Manuel María

Data: 

mércores, 18 Maio, 2016 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias conmemorou as Letras Galegas deste ano, que homenaxean ao poeta chairego Manuel María, celebrando a súa Comisión Executiva en Outeiro de Rei. A localidade lucense é lugar de orixe do escritor e acolle na súa casa natal un museo dedicado á súa traxectoria.

Os membros da Executiva da Fegamp, 17 alcaldes e alcaldesas, acudiron á Casa Museo para realizar unha visita guiada polas instalacións e logo desenvolver alí a súa reunión mensual. Salvo contadas excepcións, a Executiva efectúase na sede da Fegamp, en Santiago de Compostela. O presidente, Alfredo García, quixo destacar “O compromiso da Fegamp coa cultura e lingua galegas, que quedan de manifesto hoxe aquí en Outeiro de Rei e ao longo de todo este ano, grazas ao convenio que asinamos coa Fundación Manuel María de Estudos Galegos”.

A través deste convenio, a Fegamp promoveu durante os últimos meses, e continuará ao longo deste ano, unha serie actividades en todos os concellos de Galicia relacionadas co autor. Segundo o acordo,  os municipios interesados poden contactar coa Fundación e esta ofrecerlles desde fondos documentais, ata contactos con artistas e compañías de Galicia que a día de hoxe contan con repertorio de Manuel María. A maiores, dispoñen de asesoramento para a realización de actos.