A Fegamp constitúe a Comisión para defender unha postura galega na reforma das facendas locais

Data: 

xoves, 7 Abril, 2016 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias constituíu hoxe a Comisión de Análise para o estudo e proposta de medidas de cara á reforma da normativa que rexe as Facendas Locais. A Comisión, formada por representantes do eido político, técnicos da Fegamp  e un grupo de expertos en materias de finanzas, dereito, urbanismo e outros eidos de especialización, recollerá as demandas dos concellos galegos en canto a financiamento, competencias e traballo administrativo.

O obxectivo da Fegamp é anticiparse ao debate lexislativo e que as peculiaridades municipais galegas poidan ser tidas en conta na futura normativa: dispersión territorial, envellecemento, medio rural e outras características propias da planta local galega.

O presidente da Fegamp, Alfredo García, destacou no acto de constitución que: “Estamos nun momento clave para que o municipalismo teña visibilidade no conxunto dos poderes do Estado e poida sentarse nunha mesa de negociación en igualdade de condicións, tanto co goberno central como coas comunidades autónomas, de cara a elaboración da nova lei que determine as competencias e os servizos que teñan que prestar os concellos e o financiamento axeitado para facelo.”

A Comisión vaise reunir de xeito periódico coa intención de elaborar un documento marco que estea finalizado no presente ano, para trasladarllo á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a continuación presentar as conclusións aos gobernos central e autonómico.

A Comisión de Análise para o estudo e proposta de medidas de cara á reforma da normativa que rexe as Facendas Locais está presidida por Antonio López Díaz, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario na USC, ex conselleiro e ex presidente do Consello de Contas entre 2007 e 2014; e ademais forman parte dela:

·         Francisco Cacharro Gosende, secretario xeral da Deputación de Ourense.

·         José Manuel Pardellas Rivera, interventor xeral da Deputación da Coruña.

·         María Concepción Campos Acuña, secretaria de goberno local do Concello de Vigo.

·         Xavier Ferreira Fernández, profesor Titular de Dereito Administrativo da USC.

·         Maite Buján Mosquera, interventora do Concello de Cervo.

·         Alfonso Villares Bermúdez, vic. primeiro da Fegamp e alcalde de Cervo.

·         Evencio Ferrero Rodríguez, vic. segundo da Fegamp e alcalde de Carballo.

·         Julio Ignacio Iglesias Redondo, alcalde de Ares, membro da Executiva da Fegamp e doutor en Dereito e profesor na USC.

·         Óscar Benito Portela Fernández, voceiro da Fegamp e alcalde de Sada.

·         Eduardo Ramonde Rodríguez, secretario xeral da Fegamp.

·         José Manuel Chapela Seijo, director xeral da Fegamp.

·         Raúl Fernández Iglesias, coordinador da Fegamp.

·         Andrés Núñez Gónzalez, técnico responsable da Área de Facendas Locais da Fegamp.