A Fegamp dá por resolto o problema de financiamento dos Centros de Saúde

Data: 

mércores, 18 Outubro, 2017 - 11:00

O financiamento dos 143 centros de saúde do grupo 1 (cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario) queda resolto cunha partida de máis de 4 millóns de euros do Fondo Adicional que se xestiona dentro do Fondo de Cooperación Local (FCL).  O diñeiro restante, ata chegar aos 5.500.000 euros de gastos totais estimados destes centros, correrá a cargo dos orzamentos da Consellería de Sanidade.

 

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, acompañado dos Voceiros da Fegamp - o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o rexedor de Carballo, Evencio Ferrero, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o alcalde de Sada, Benito Portela- , acudían á Subcomisión permanente de Réxime Económico e Financeiro á que asistiron o Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o Conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, o Director Xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos, e a Directora Xeral da Administración Local, Marta Fernández – Tapias, en reunión previa a aprobación dos orzamentos na cámara.

 

Nesta Comisión informouse da dotación prevista no Anteproxecto da Lei de Orzamentos da Xunta de Galicia para o Fondo de Cooperación Local (FCL) correspondente ao ano 2018, que estará en torno aos  124,3 millóns de euros, dos que 119,3 millóns corresponden á entrega a conta para o ano 2018 e 5 millóns de euros á liquidación definitiva do ano 2016.

 

Na Comisión debateuse sobre os criterios de reparto do FCL e informouse das contías do mesmo. O fondo base dotado con 112,3 millóns de Euros, manterá os mesmos criterios que en anos anteriores; o Fondo Adicional do FCL, que ascende a 6,3 millóns de euros netos, distribuirase entre os concellos atendendo para 2018 a tres piares base:

 

 

  • Habilítase unha partida de 1,7 millóns de euros para comarcalización de Parques de Bombeiros das 7 cidades que beneficiará a 64 concellos
  • Máis de 4 millóns de Euros para pagar os gastos de mantemento dos centros de saúde en 2018
  • 145.000 euros para os concellos con Centros Penitenciarios (os criterios de reparto están aínda por estipular)

 

No caso dos centros de saúde a Fegamp dá practicamente por resolto un tema que viña preocupando en grande medida ao municipalismo galego ao contar cunha partida de máis de 4 millóns de euros para cubrir os custos de mantemento dos 143 centros de saúde do grupo 1 (cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario), que se fará efectiva en conta para os concellos en 2018. Os gastos totais destes centro se valoraron en torno aos 5.500.000 euros polo que a Xunta poñerá o resto ata chegar a esta cantidade. Na reunión tamén se asumiu o compromiso de firmar acordo ao longo de 2018 para que en 2019 xa estea resolto de forma definitiva o tema do financiamento destes centros sendo asumida a súa xestión total ou parcial pola Xunta. Na reunión tamén se adquiriu compromiso para asumir os gastos en 2019 dos 40 centros de saúde do grupo 2 (en edificio compartido) que estaban pendentes de asumir; neste caso con cargo dos gastos integramente á consellería de Sanidade. Un último acordo se desprendeu desta reunión foi o compromiso de firmar ao longo de 2018 un convenio para garantir o financiamento d os conservatorios municipais con efectos económicos en 2019.

 

A Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro é un órgano integrado dentro do seo da Comisión Galega de Cooperación Local e ten entre outras funcións informar dos criterios para a distribución do Fondo de Cooperación Local. Está composta de xeito paritario por representantes da Xunta de Galicia e das Entidades Locais.