A Fegamp defende un modelo de financiamento local xusto e non discriminatorio con Galicia

Data: 

martes, 14 Febreiro, 2017 (Todo o día)

A Comisión Executiva da  Federación Galega de Municipios e Provincias aprobou hoxe por unanimidade as demandas en materia de financiamento de cara ao debate que se abre para reformar a lei das Facendas Locais. Trátase dun total de 45 propostas, consensuadas e apoiadas por todos os grupos políticos, para que a nova normativa teña en conta as características propias de Galicia, como o envellecemento, a dispersión territorial ou o medio rural.

As propostas son o resultado de 10 meses de traballo por parte da Comisión de Expertos creada con dita finalidade pola Fegamp. O seu presidente é Antonio López Díaz, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario na USC, ex conselleiro e ex presidente do Consello de Contas entre 2007 e 2014. Xunto con el, desenvolveron o labor responsables locais e financeiros, ademais dos representantes de todas as forzas políticas presentes na Federación.

Na presentación, acompañaron ao presidente da Fegamp e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, o vicepresidente primeiro e alcalde de Cervo, Alfonso Villares; o vicepresidente segundo e alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o vicepresidente executivo e alcalde de Oroso, Manuel Mirás e o voceiro e alcalde de Sada, Benito Portela. En resumo, as propostas da Fegamp en materia de Financiamento Local apuntan en catro direccións:

  • Tributación Local: Reformulación dos impostos,  aproximación das taxas e prezos públicos ao custo dos servizos, aproveitamento das capacidades económicas ligadas á propiedade inmobiliaria, melloras na imposición sobre actividades económicas e sobre vehículos, introdución de novas formas de imposición (reforma fiscal verde) e  propostas de mellora na eficacia recadatoria.
  • Participación nos Ingresos do Estado: Un equilibrio do reparto entre as distintas entidades locais e no que se teñan en conta factores específicos que afectan directamente ao maior custo que se asume na prestación dos servizos (dispersión e envellecemento). Así mesmo, proponse melloras técnicas nas variables que se utilizan para o reparto da contía anual e medidas que propicien un ITE anual xusto e adecuado para dotar ao sistema de transparencia e obxectividade.
  • Participación nos Ingresos da Comunidade Autónoma, o chamado Fondo de Cooperación Local: Creación dunha Lei específica que regule a participación nos ingresos da Comunidade Autónoma, e na que se clarifiquen a homoxeneización prevista nas distintas Leis de Orzamentos que da lugar á contía anual, e os criterios de reparto. Así mesmo, proponse diversas medidas de mellora técnica.
  • Subvencións por parte da Xunta ás Entidades Locais: Medidas que minimicen as transferencias finalistas aos concellos, integrando na medida do posible estas contías no Fondo de Cooperación Local. Para aquelas que se mantiveran, proponse a utilización de criterios de reparto obxectivos en función da tipoloxía de cada liña financeira, e que no caso das transferencias de capital da Xunta de Galicia desenvolveríanse a través de fondos específicos mediante o mantemento do PEIM rural e Fondo Ambiental e creación dun Fondo anual para infraestruturas formado polas transferencias de capital con destino aos concellos.

Aprobado un dos bloques fundamentais, o do financiamento, agora a Comisión centrará o seu labor na delimitación de competencias, a planta territorial e o gasto e xestión orzamentaria. A Fegamp trasladará estas conclusións á FEMP e ao goberno central.

DOCUMENTO COMPLETO: AS 45 PROPOSTAS DA FEGAMP PARA O FINANCIAMENTO LOCAL

  1. IBI* : Cómpre actualizar as poñencias de valores que presentan na súa gran maioría antigüidades superiores a 10 anos. Estas poñencias deberían ser obxecto de revisión periódica para evitar ter que someterse a actualizacións por coeficientes que sempre resultan menos axustadas á realidade.       
     Ao mesmo tempo deben corrixirse os efectos non desexados que ditas actualizacións producen no cálculo das participacións dos ingresos do Estado, como tamén ocorre cos bens de características especiais.
  2. IBI: Resulta conveniente optimizar a súa  xestión, especialmente no caso de bens rústicos, a aqueles recibos cuxa contía exceda dos custos de xestión que xeran.
  3. IVTM**: Resulta necesario a súa reformulación como un tributo de natureza medio ambiental.
  4. ICIO***: Ademais dalgunhas melloras técnicas, débese intensificar a comprobación sobre as construcións efectivamente realizadas e a súa valoración unha vez finalizadas as mesmas.
  5. IIVTNU****: Resulta urxente unha revisión do seu deseño legal que determina plusvalías en todos os supostos cando, polo efecto da crise e a depreciación dos inmobles, estanse a xerar auténticas minusvalías. Polo tanto conviría definir a base impoñible atendendo ás efectivas plusvalías, particularmente as derivadas das actuacións urbanísticas, integrándoo co IRPF a través das deducións oportunas  para evitar dobres imposicións.
  6. En relación ao  canon da auga, cuxa titularidade é da Comunidade Autónoma Galega, sería recomendable que os recursos que xera se adiquen en exclusiva a investimentos,  e que ese destino se decida a través de un plan autonómico ou provincial coa participación da FEGAMP. Así mesmo, compre que a Xunta de Galicia asuma os gastos de xestión da recadación deste Canon.
  7. Taxas e Prezos Públicos: Para a adecuación da súa recadación aos custos dos servizos, resulta esencial a correcta formulación das memorias económicas que deben acompañar á súa imposición e que deben cuantificar os custos reais e efectivos dos servizos que as xeran. A estes efectos sería recomendable dispoñer dunha metodoloxía común para a elaboración deses informes preceptivos. A partir de tales memorias debe tenderse a dar cumprimento ao principio de equivalencia de unhas e outros
  8. Beneficios fiscais: Considérase necesario unha análise rigorosa do sistema de beneficios fiscais existentes nos tributos locais, da función de interese xeral que os xustifica, da súa eficacia para a consecución dos obxectivos expostos e da súa eficiencia e económica para, con base nel decidir o mantemento, modificación ou supresión dos mesmos.
  9. Xestión Tributaria: Debe simplificarse a xestión tributaria local incorporando as novas tecnoloxías para, ademais de reducir os custos, facilitar tamén aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas. De xeito particular resultaría moi desexable atopar alternativas para a xestión  de IBI de rústica  ou IVTM que xeran un volume anual enorme de recibos de escasa contía e con altos custos de xestión.
  10. É importante establecer un Plan de prevención do fraude fiscal, tamén a nivel local, coa aplicación de medidas que persigan a incoación dos respectivos procedementos de inspección tributaria, verificación de datos ou de comprobación de valores, entre outros, de acordo co previsto a tales efectos na Lei Xeral Tributaria, así como a implantación a nivel práctico do correspondente réxime de infraccións e sancións no ámbito tributario de natureza local, regulado mediante a correspondente ordenanza onde se establezan taxadas as distintas posibilidades que ofrece a casuística tributaria.
  11. Deberíase acometer de forma urxente a reforma do sistema de financiamento da participación nos ingresos do estado das entidades locais, establecendo  períodos quinquenais de revisión do modelo de reparto.
  12. Resulta necesario introducir criterios que compensen os desequilibrios que se están a producir entre o modelo xeral e de cesión.
  13. Compre incrementar para o cálculo dos Ingresos Tributarios do Estado (ITE) o número de impostos estatais respecto aos que actualmente se toman en consideración.
  14. Non se debe limitar a participación nos impostos estatais das entidades locais como ten ocorrido co  incremento dos tipos de IVE, parte da que se deixou fora de participación a concellos e deputacións.
  15. Débese establecer un cálculo da cifra anual de participación  transparente e obxectivo, no que se utilicen datos dun mesmo exercicio para todos os conceptos do seu cálculo no relativo ás cantidades excluídas das Comunidades Autónomas.
  16. Hai que prever mecanismos de axustes claros e neutrais na PIE ante as supostas reformas do sistema de financiamento autonómico para evitar os prexuízos que estas medidas producen na participación dos entes locais.
  17. Para o reparto da participación entre as entidades locais débense introducir factores que inciden directamente no custo que na prestación de servizos teñen que asumir. Proponse engadir na fórmula de reparto as variables “superficie”, “Número de entidades singulares de poboación”  e “índice de envellecemento” de forma directa ou a través dun fondo específico integrado na participación, similar ao existente para as Comunidades Autónomas.
  18. Sería conveniente manter o mesmo coeficiente de ponderación durante todo o período a aqueles concellos que descendan de tramo poboacional.
  19. Hai que reformular os criterios “ esforzo fiscal ” e “ inverso da capacidade tributaria ” de cara a minimizar as ineficiencias detectadas neste período, relacionadas, entre outros supostos, coas revisións de valores catastrais.
  20. Para as entregas  a conta compre establecer un índice para cada concello en base aos criterios de reparto que se utilicen, que sirva de referencia para realizar a liquidación definitiva que se practique, similar ao implantado no caso do Fondo de Cooperación Local de Galicia.
  21. Deberíase garantir unha cantidade mínima per capita a cada concello  para evitar os prexuízos daqueles municipios que durante o período incrementen notablemente a súa poboación.         
  22. Considérase que os Concellos deberan ter unha participación na taxa de uso do dominio público radioeléctrico previsto na Lei de Telecomunicacións.
  23. Sería conveniente que a Participación nos Ingresos da Comunidade Autónoma dos concellos galegos sexa regulada mediante unha Lei autonómica específica consensuada coa Fegamp.
  24. Compre establecer unha porcentaxe fixa de participación dos concellos nos capítulos I, II e III do orzamento dos ingresos da Administración Xeral da Xunta de Galicia, clarificando de forma precisa os criterios de homoxeneización anuais que se  apliquen.
  25. Debese reclamar unha coordinación axeitada na aplicación destes criterios de homoxeneización entre o Estado e a Comunidade Autónoma que evite os graves prexuízos que se produciron nos anteriores períodos na participación anual nos ingresos estatais e autonómicos das entidades locais.
  26. Hai que tender ao incremento da porcentaxe das partidas non finalistas dentro do capítulo de transferencias totais da Xunta de Galicia con destino ás entidades locais, mediante a integración no Fondo de Cooperación Local de determinadas subvencións que os concellos perciben anualmente de xeito recorrente coa conseguinte modificación da porcentaxe de participación.
  27. Débese crear un Fondo específico anual formado polas transferencias non executadas no orzamento da Xunta de Galicia con destino ás entidades locais.
  28. Débese manter a contía mínima garantida de participación anual de cada concello.
  29. Conviría que na fórmula de reparto da Participación nos Ingresos da Comunidade Autónoma dos concellos se teñan en conta aspectos demográficos e territoriais que inciden no custo que os concellos asumen na prestación dos seus servizos (poboación, dispersión e envellecemento).
  30. O criterio “esforzo fiscal”  debe ser redefinido de xeito que mida a corresponsabilidade fiscal dos concellos. Tal e como está definido actualmente a través da recadación dos Capítulos I, II e III de ingresos dos concellos se prima a capacidade económica de cada municipio máis que o esforzo fiscal real.
  31. Sería preciso introducir criterios obxectivos que primen a óptima xestión dos servizos públicos por parte dos concellos en base aos parámetros socioeconómicos que se determinen, previo consenso entre as administracións autonómica e local
  32. Progresiva supresión das subvencións con fondos propios da Comunidade Autónoma a favor das entidades locais e integración das mesmas no Fondo de Cooperación Local.
  33. Configurar mecanismos de estudo e valoración do custo de servizos financiados parcialmente mediante transferencias pola Xunta de Galicia e prestados no ámbito local e establecemento dun financiamento para a estabilización permanente deses servizos.
  34. Asunción por parte da Xunta de Galicia dos servizos da súa competencia actualmente prestados polas entidades locais e financiados parcialmente mediante transferencias.
  35. Creación dun Fondo anual de infraestruturas destinado ás entidades locais formado por aquelas transferencias de capital de distintos departamentos da Xunta de Galicia.
  36. Establecer criterios obxectivos e consensuados cos entes locais para o reparto deste Fondo anual de infraestruturas.
  37. Establecer criterios obxectivos e consensuados coas entidades locais para o reparto daquelas liñas financeiras destinadas ao fomento de determinadas actividades ou servizos.
  38. Manter o Fondo de equipamentos e infraestruturas rurais (PEIM) e o Fondo de Compensación Ambiental mellorando os procedementos e criterios de reparto entre os distintos concellos.
  39. Incrementar a partida do Fondo de Compensación Ambiental de maneira que a totalidade recadada en concepto de Canon Eólico se distribúan integramente entre os concellos.
  40. Establecer mecanismos que permitan unha visualización anual das transferencias totais recibidas polas entidades locais de Galicia e establecer medidas que reequilibren a dotación anual percibida por cada unha delas.
  41. Establecer mecanismos que permitan a simplificación e axilización dos trámites a realizar por parte das entidades locais garantindo a percepción do financiamento establecido no momento da concesión da subvencións ou sinatura do Convenio se fora o caso.
  42. Resulta preceptivo e urxente elaborar un Plan Estratéxico de subvencións co contido e alcance previsto nas normas de aplicación, que procure, entre outros extremos, a simplificación e racionalización de convocatorias e trámites.
  43. A acción de fomento provincial debe realizarse en base a criterios obxectivos e equitativos, entre os que debe figurar o custo efectivo dos servizos, elaborados coa participación dos municipios da provincia e respectando a autonomía municipal e as competencias das distintas Administracións Públicas e orientarse especialmente aos municipios de menor capacidade económica.
  44. Só por razóns excepcionais de interese público poden outorgarse subvencións nominativas, cando non resulte posible a aplicación dos principios xerais de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación e así se acredite no expediente administrativo.
  45. As transferencias a Concellos deben canalizarse a través de Plans de Financiamento das Obras e Servizos de competencia municipal, que comprendan todos os recursos a asignar anualmente aos concellos de cada provincia con criterios obxectivos e equitativos, coa colaboración municipal no marco da súa autonomía de xestión.

Clave:

Da 1 á 10: Tributación Local

Da 11 á 22: Participación nos Ingresos do Estado (PIE)

Da 23 á 31: Participación nos Ingresos da Comunidade Autónoma (FCL)

Da 32 á 45: Transferencias Xunta/Deputacións

 

*IBI: Imposto sobre Bens Inmobles

** IVTM: Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica

*** ICIO: Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras

**** IIVTNU: Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana (coñecido como Imposto de Plusvalía)

Descargas: 

galer_a_fotos