A Fegamp demanda coñecer “a verdade “ sobre a procedencia dos lumes

A Fegamp, a través do seu presidente, Alfredo García demanda que se “faga unha profunda investigación que non deixe no aire as respostas que galegos e galegas necesitan: coñecer a verdade da procedencia desta cadea de violentos lumes”.

Tras este domingo negro, os concellos galegos a Federación Galega de Municipios e Provincias únese tamén aos tres días de loito oficial decretados polo Consello da Xunta que se reunía de forma extraordinaria esta mañá para estudar a situación.  Alfredo García, presidente da Fegamp, traslada o seu pesar sobre todo polos danos persoais ocorridos: “ queremos dar o pésame ás familias das catro vítimas mortais que deixan estes lumes e enviamos tamén o noso apoio aos alcaldes e alcaldesas dos 17 concellos que se atopan en alerta 2 por risco para as persoas”.

Neste momento en Galicia, segundo os últimos datos publicados aínda contamos con 47 incendios dos que 33 están activos, e  son 17 puntos da nosa comunidade en nivel 2 de alerta, é dicir, en situación de risco real para as persoas: “queremos dende a federación amosar a nosa tristeza polo ocorrido e tender unha man a todos os concellos afectados para axudar en todo o necesario e ofrecernos tamén, como parte do noso cometido, como interlocutor común para poñer sobre a mesa as necesidades máis urxentes”, comentaba o presidente da Federación.

O presidente da Fegamp, Alfredo García facía sobre todo fincapé na cuestión da responsabilidade ao respecto da situación de inseguridade e crispación que se vive hoxe en Galicia e resaltaba a necesidade de “que se faga unha profunda investigación que non deixe no aire as respostas que galegos e galegas necesitan: coñecer a verdade da procedencia desta cadea de violentos lumes  coa maior certeza posible”. E engadía García para rematar: “creo que é a hora de ir nunha mesma dirección e chegar a acordos para acabar con esta sangría que calcina os montes galegos cada ano, e ademais supón unha ameaza para a seguridade e integridade física dos galegos e galegas”.