A Fegamp demanda á Xunta blindar as vías de colaboración coas entidades locais

Data: 

luns, 9 Xaneiro, 2017 (Todo o día)

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, reuniuse hoxe en San Caetano co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para trasladarlle as demandas dos concellos e provincias galegas de cara a esta nova lexislatura autonómica. Na xuntanza, á que tamén asistiu o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, a Fegamp logrou o compromiso do executivo galego de elaborar unha nova lei de bases do réxime local en Galicia.

A maiores do texto autonómico, dado que o goberno central ten que reformular por sentencia a actual Lei de Sostibilidade Local, a Fegamp expuxo a necesidade de que a Xunta defenda en Madrid unhas condicións de financiamento máis xustas para Galicia. Segundo destacou Alfredo García: "Os concellos galegos reciben 50 euros menos por habitante respecto á media do Estado, unha situación moi discriminatoria, que se agrava aínda máis se temos en conta a nosa dispersión territorial e o envellecemento da poboación".

O presidente dos alcaldes/as galegos/as cualificou a xuntanza como "intensa e produtiva" e aproveitou tamén para trasladarlle ao titular da Xunta a necesidade de reformular o reparto dos fondos autonómicos aos municipios. A este respecto, a proposta da Federación é minimizar a concesión de subvencións e que esas partidas se trasladen directamente ao Fondo de Cooperación Local. Respecto dos convenios reiterativos que Xunta e concellos asinan ano a ano, a Federación insiste na conveniencia de pactar un calendario previo "para que se saiba a principios de ano de cantos cartos se dispón e para que".

Calendario de traballo e demandas a curto prazo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou que atenderá a petición da Fegamp de convocar para o mes de marzo a Comisión Galega de Cooperación Local. Nesta mesa paritaria de goberno autonómico, concellos e Deputacións, afrontaranse as demandas a curto prazo dos entes locais. A partir de aí, os representantes da Fegamp manterán reunións cos conselleiros/as en función dos asuntos de cada departamento.

Entre as demandas da Fegamp á Xunta de Galicia están a posta en marcha dun Protocolo de Emerxencias, a creación dunha bolsa de traballo de secretarios e interventores ou a convocatoria das prazas de policías locais a través da Academia Galega de Seguridade Pública.

Tamén se recordou a urxencia de trasladar ao Sergas a xestión dos centros de saúde pendentes de cesión, así como o mantemento das unidades de atención a drogodependencias. Entre outros asuntos, os dous responsables abordaron o financiamento dos conservatorios municipais de música e o mantemento enerxético dos centros escolares, que a día de hoxe só están sufragados se empregan gasóleo.

Fegamp e Xunta de Galicia acordaron a maiores reactivar o Pacto da Auga e afrontar un debate territorial a fondo, no que non só se conte coa fusión voluntaria de concellos, senón que se impulse a cooperación entre municipios para a prestación de servizos.

O presidente da Fegamp destacou que  se trata dun momento clave para "recoñecerlle ao municipalismo o seu importante papel, como a administración máis próxima á cidadanía". Alfredo García destacou o imprescindible da colaboración entre as distintas administracións para lograr "pactos que repercutan e beneficien directamente á sociedade".

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon npreunionpresidentesfegampexunta.pdf121.27 KB
galer_a_fotos