A Fegamp detecta que os concellos galegos recibiron do Estado 5 millóns de euros menos do que lles correspondería

Data: 

martes, 13 Setembro, 2016 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias atopou un posible desaxuste na liquidación da Participación de Ingresos do Estado (PIE) practicada en xullo deste ano e correspondente a 2014. O índice de cálculo co que se repartiron as partidas viuse afectado pola devolución do chamado “céntimo sanitario”: un gravame que se recadou de 2001 a 2012 e que foi declarado nulo pola Unión Europa. Malia que foron as comunidades autónomas as que se beneficiaron del en exclusiva, agora as contías que o Estado ten que devolver aos cidadáns que as reclamen, repercuten nos concellos.

No caso de Galicia, a Fegamp estima que os concellos percibiron arredor de 5 millóns de euros menos do que lles correspondería: 2,5 millóns de euros para as deputacións provinciais, 1,1 millóns de euros para os concellos en réxime de cesión (as grandes cidades menos Ferrol*) e 1,5 millóns de euros para o resto de municipios galegos.

A Fegamp trasladou este desaxuste á Federación Española de Municipios (FEMP) nunha reunión celebrada onte en Madrid. Ademais, o presidente Alfredo García, presentou estas cifras aos equipos de goberno e técnicos das principais urbes e dos catro organismos provinciais. Alfredo García sinalou que “Remitiremos un escrito formal a Facenda para que axuste as contas e Galicia perciba o que lle corresponde. A maiores levamos o caso á FEMP, porque o índice afecta a todo o municipalismo español.”

O céntimo sanitario e a súa devolución

O logo chamado “céntimo sanitario”  foi aprobado en 2001 polo executivo central como Imposto sobre Vendas Minoristas de Determinados Hidrocarburos (IVMDH). Tratábase dun gravame finalista: cedíase de xeito íntegro ás comunidades autónomas para que afrontaran a cobertura dos gastos en materia de sanidade.

Aínda que o Estado acabou integrándoo en 2012 no Imposto de Hidrocarburos, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea declarouno nulo en 2014. Deste xeito o Estado vese obrigado a retornar as contías reclamadas polos cidadáns, empresas e administracións afectadas.

*Ferrol ao baixar de 75.000 habitantes e non ser capital de provincia entra no chamado Réxime de Variables.