Fegamp e Xunta acordan unha estratexia conxunta para paliar os danos da avespa velutina

Data: 

xoves, 3 Marzo, 2016 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias  e a Xunta de Galicia acordaron hoxe unir esforzos para abordar dunha maneira máis efectiva a incidencia da avespa velutina, especialmente nos concellos cunha maior presenza de niños e naqueles nos que a praga afecte a zonas sensibles para a poboación. Na reunión mantida en San Caetano, tanto a Consellería do Medio Rural como a Fegamp expuxeron a necesidade de potenciar a coordinación entre os distintos organismos, para evitar duplicidades e aproveitar as sinerxias de actuación.

Na xuntanza, á que asistiron o vicepresidente primeiro da Fegamp, Alfonso Villares e o vicepresidente executivo, Manuel Mirás, acordouse elaborar un protocolo de intervención que permita aos servizos de emerxencia e aos efectivos municipais e autonómicos atallar a problemática dun xeito máis eficaz. Cos técnicos e responsables de Medio Rural fixouse a prioridade de preservar a seguridade nas zonas máis sensibles para a cidadanía, como son os camiños de paso, os núcleos urbanos, os parques infantís e as contornas escolares.

Ademais, Fegamp e Xunta vanse coordinar para mellorar a formación dos efectivos que participan na erradicación dos niños, un asunto tamén aprobado na última Comisión de Seguimento do convenio GES 2016-2018, celebrada a pasada semana. Precisamente, aqueles concellos que conten con Grupos de Emerxencia Supramunicipais encargaranlle a eles as tarefas de eliminación de colonias.

No caso dos entes locais non adscritos aos GES, os labores realizaranse ben co  seu servizo de Protección Civil, ben a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza se a zona pertenza á Rede Natura ou cos medios que estableza a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

A Fegamp valorou moi positivamente a xuntanza, que serviu tamén para fixar a vindeira cita de traballo, que se celebrará a finais deste mes para poder avanzar no mapa de actuación.