Fegamp e Xunta inician un paquete de medidas para as familias en risco de exclusión social

Data: 

mércores, 9 Marzo, 2016 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias e a Xunta de Galicia impulsarán un convenio para paliar as consecuencias dos desafiuzamentos e axudar a aquelas familias e persoas que se atopen en risco de exclusión social. Así o acordaron hoxe na xuntanza de traballo que mantiveron na sede da Fegamp os responsables do órgano municipalista e do goberno autonómico. Á reunión asistiu o presidente da Fegamp, Alfredo García, acompañado pola Xunta de Voceiros; o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Éthel Vázquez e responsables de ambos os dous departamentos do goberno galego.

Segundo a proposta de convenio, os concellos mediarán para que os propietarios de vivendas baleiras, que así o desexen, as poñan a disposición deste programa de alugueiro social. Os municipios encargaríanse de atopar eses inmobles e de facer o seguimento dos veciños e veciñas en risco de exclusión, beneficiarios do programa. Como arrendatarios terían prioridade familias con poucos recursos e con fillos ao seu cargo, vítimas de violencia machista e afectados por execucións hipotecarias ou impagamentos de aluguer. Pola súa banda, a Xunta poría en marcha unha liña económica para darlle aos propietarios das casas unha dobre garantía: un seguro multi-risco para cubrir posibles danos e o pagamento garantido de doce meses de renda.

O presidente da Fegamp, Alfredo García, valorou positivamente a iniciativa e salientou a necesidade de acadar o obxectivo de que “Todos os galegos e galegas teñan os mesmos dereitos sen distinción do concello no que vivan”, coa confianza de fomentar a coordinación entre administracións para resolver de forma conxunta os problemas da cidadanía.

Fallo do TC sobre a reforma local

O presidente da Fegamp sinalou como “boa noticia para os concellos” a anulación por parte do Tribunal Constitucional de varios preceptos da Lei de Racionalización e Sostibilidade na Administración Local. Segundo destacou Alfredo García, a normativa “prexudicaba de xeito directo ao municipalismo e este fallo xudicial supón o comezo doutras sentenzas que acabarán por dar a razón aos entes locais. Non hai ningún concello en Galicia que queira deixar de prestar servizos”.