A Fegamp impulsa unha ferramenta dixital para que os Concellos galegos apliquen a Lei de Transparencia

A Federación Galega de Municipios e Provincias creou en colaboración con Amtega e a Dirección Xeral de Administración Local unha plataforma web para que os Concellos poidan aplicar a Lei de Transparencia. O texto entra en vigor o 10 de decembro, obrigando ás entidades locais a facer pública aquela información que poida ser relevante para garantir a transparencia da súa actuación.

Segundo a normativa, os Concellos terán que trasladar á cidadanía aspectos da súa organización e planificación (plans de lexislatura e investimentos), eido xurídico (proxectos de regulamentos e ordenanzas locais), actos con repercusión económica, estatística e orzamentaria (contas, contratos, subvencións, convenios, etc.).

Os Concellos que o precisen van ter ao seu dispor un Portal de Transparencia que se aloxará en EidoLocal (www.eidolocal.gal). A Fegamp xa se puxo en contacto cos entes locais que poidan estar interesados en empregalo e nel poderán consultar a información os cidadáns e cidadás que o desexen.

Os municipios que xa dispoñan de ferramenta propia ou empreguen algunha creada por outras administracións públicas poderán figurar tamén en EidoLocal cos seus datos a través dunha ligazón.