A Fegamp participa na celebración do 25 Aniversario do Camiño Francés

Data: 

martes, 11 Decembro, 2018 - 12:30
Feijóo falando no CGAC con motivo do 25 aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio Mundial pola UNESCO

O 11 de decembro tivo lugar no Centro Galego de Arte Contemporáneo a celebración do 25 aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio Mundial pola Unesco.

A Fegamp participou no evento no que se conmemoraron os 25 anos desde que a Unesco declarou o Camiño Francés como Patrimonio Mundial. O acto iniciouse cun vídeo recopilatorio de testemuñas de persoas que fixeron o Camiño e de declaracións de hosteleiros e hosteleiras, que viron como mudaba a vida dos sitios máis rurais e tranquilos de Galicia  debido a unha marea de xente chea de emoción por chegar á capital galega, que á súa vez traía cultura aos lugares polos que pasaba. Desde que o Camiño Francés foi declarado Patrimonio Mundial, un total de 3,6 millóns de peregrinos camiñaron por terras galegas.

O evento, ao que asistiron diversas autoridades galegas, contou coas palabras do exconselleiro de cultura, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe; do arzobispo compostelán, Julián Barrio; do alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega; e finalmente, pechou o acto o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Nos seus discursos destacaron o valor que ten o Camiño de Santiago para toda Galicia, e a necesidade de aparcar as diferenzas políticas para unir forzas e crear un proxecto para o Xacobeo 2021.

Ao rematar o acto do CGAC, as autoridades presentes no acto, descubriron na praza do Obradoiro unha placa conmemorativa do aniversario deses 25 anos.