A FEGAMP PARTICIPA NA CONSTITUCIÓN DA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DA AXENDA SOCIAL DE GALICIA

Data: 

venres, 21 Xullo, 2017 - 11:00

Esta mañá tiña lugar a primeira reunión da comisión de seguimento da Axenda Social de Galicia na que valorou o grado de execución das medidas e presentouse un documento de traballo para empregar como folla de ruta

Santiago, 21 de xullo de 2017.- Esta mañá o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, participou co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, en San Caetano, na primeira reunión de avaliación da Comisión de Seguimento da Axenda Social Única de Galicia. Na reunión tamén estiveron presentes entidades do Terceiro Sector como a Rede Galega contra a Pobreza-EAPN-Galicia, que agrupa a 126 ONG a través de 21 entidades membro, así como a organizacións como Cáritas, Cruz Vermella e ONCE.

O presidente da Fegamp destacaba o traballo feito polos concellos galegos en materia social e definíaos como a administración máis próxima aos cidadáns. Tamén falou da importancia da coordinación entre Xunta de Galicia, Deputacións e Concellos, e coas entidades do terceiro nivel, para así: “coordinar eses engrenaxes para aforrar cartos ou o que é mellor, gastar os cartos que se gastaban sen sentido duplicando servizos, en dar novos ou mellores servizos sociais aos cidadáns”, aclarou. O presidente da Fegamp puxo en valor a idea de crear grupos de traballo e que ademais estean integrados por técnicos que coñecen perfectamente os problemas xa que son aos que se enfrontan día a día nas administracións. García asegurou o compromiso adquirido para traballar en “para mellorar os servizos sociais que dan as administracións e mellorar tamén así a calidade de vida das galegas e os galegos que precisan de estes servizos”, dixo.

Na reunión, o conselleiro de Política Social anunciou a creación de 6 grupos de traballo, dinámica que foi aceptado de común acordo polos presentes. As temáticas deses grupos serán: garantir o acceso a unha vivenda, o control da pobreza enerxética e económica, a dependencia e os servizo de atención no fogar, a pobreza infantil e o emprego e a promoción económica. En xeral buscarase a posta en marcha de iniciativas sociais de calidade para atallar todos estes problemas na maior medida posible.

Reunión da Comisión da Axenda Social de Galicia