A Fegamp respalda a Unicef na asistencia aos nenos afectados polo terremoto en Nepal

Data: 

xoves, 30 Abril, 2015 (Todo o día)
Primeiro chamamento de Unicef pola situación dos nenos en Nepal

Unicef informa de que case 1,7 millóns de nenos víronse afectados polo terremoto de magnitude 7,9, que bateu Nepal o pasado sábado 25 de abril. O sismo causou enormes danos en 21 dos 75 distritos do país, máis severamente en Sindulpalchowk, Kavre, Nuwakot, Rasuwa e Dhading na zona occidental e central. Nunha catástrofe natural desas dimensións, os nenos son os que máis sofren, e por iso, a prioridade de Unicef neste momento é actuar o máis rápido posible para atender ás necesidades urxentes dos pequenos afectados. A situación dos nenos en Nepal antes do tremor xa era crítica, cun 41% de desnutrición crónica, un 65% da poboación sen acceso a un saneamento axeitado e taxas de tráfico de nenos e outros xeitos de violencia e explotación infantil moi elevadas. Unicef teme que a catástrofe agrave eses indicadores.

Os testimonios dos efectivos de Unicef destacados en Nepal falan dunha inmensa devastación, de miles de nenos e familias que perderon os seus fogares e os seus medios de vida, e aos seus familiares. Desde que se producíu o terremoto, os equipos de Unicef no terreo están a traballar contrarreloxio, en coordinación do Goberno nepalí, con outras axencias de Nacións Unidas e con organizacións locais e internacionais, para responder de xeito inmediato ás necesidades dos nenos que sofren as consecuencias do desastre.

As actuacións clave na primeira resposta de Unicef centranse en distribuir subministros de primeira necesidade, proporcionar auga e saneamento para previr gromos de diarrea e outras enfermidades, así como localizar a atender aos nenos que quedaran sós.

Unicef ten pre-posicionados en Nepal, e listos para a súa distribución, subministros por valor de 800.000 dólares americanos, incluíndo kits de auga e hixiene, pastillas potabilizadoras de auga, lonas para refuxios temporais e suplementos alimenticios. Agora, Unicef está preparando o envío de dous avións con 120 toneladas de subministros e movilizando persoal especializado para reforzar a resposta á emerxencia.

Os nenos que sobreviviron á terrible virulencia deste terremoto necesitan axuda urxente. Unicef ten como prioridade asegurarse de que chegue a todos eles co imprescindible en materia de auga e saneamento, nutrición, saúde, educación e protección, vencendo o reto que supoñen as dificultades de acceso, por mor dos danos causados polo tremor nas infraestructuras e comunicacións.

Xúntase o primeiro chamamento de Unicef ante a catástrofe de Nepal.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon fichaemergencianepal290415.pdf2.04 MB