A Fegamp, Vicepresidencia da Xunta e AMTEGA asinan o convenio das aulas CeMIT para 2016

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, asinou hoxe co vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda e Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o convenio para fomentar a capacitación dixital a través da rede de aulas CeMIT. O acordo establece unha partida de máis de 782.000 euros que facilitará que ao longo de 2016 se impartan 45.000 horas de formación nestes centros, en cursos gratuítos e de acceso libre para a cidadanía.

No acto de sinatura, o presidente da Fegamp destacou a importancia desta actuación  “que permitirá achegar as ferramentas da Información e da Comunicación a aquelas localidades que pola súa situación xeográfica poden ter menor acceso de oportunidades respecto ás grandes vilas”.  Segundo afirmou Alfredo García, o maior número de usuarios e usuarias rexistrados na rede CeMIT ano a ano “demostran que hai unha demanda por parte dos cidadáns que é necesario cubrir a través de acordos como o asinado hoxe, froito da colaboración entre as Administracións.”

A AMTEGA achegará a través da Fegamp as partidas orzamentarias aos concellos, que serán distribuídas atendendo a criterios como a súa poboación e a actividade que desenvolvan os propios centros informáticos. Nestes momentos hai en Galicia un total de 98 aulas CeMIT que dan servizo a 92 municipios e 53 comarcas. O obxectivo é que ao longo de 2016 a Rede CeMIT acade os 56.000 usuarios e usuarias rexistrados.