A Fegamp, a Xunta e Seaga asinan a addenda para mellorar o convenio de protección das aldeas fronte os incendios

Data: 

luns, 15 Abril, 2019 - 11:30
Acto de firma da addenda ao convenio de faixas entre a Fegamp e a Xunta

A Xunta aportará ferramentas administrativas e informáticas concretas e prestará apoio técnico aos concellos para elaborar os seus plans municipais de defensa contra incendio

Santiago de Compostela, 15 de Abril de 2019.- O presidente da Fegamp, Alfredo García, o conselleiro de Medio Rural, José González, e o director xerente de Seaga, Pablo Arbores, asinaron esta mañá a addenda ao convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias de protección dos núcleos rurais.

O asinado esta mañá, que xurde como resposta ás necesidades que non estaban reflectidas no texto inicial e que era necesario acometer, recolle que a Xunta prestará apoio aos concellos para elaborar os seus plans municipais de defensa contra os incendios e aportará ferramentas administrativas e informáticas concretas.

Tal e como se recolle na addenda, o goberno de Galicia axudará a que se axilice a xestión dos requirimentos e notificacións que os concellos teñan que facer aos veciños e veciñas en cumprimento das súas obrigas.

O acordo ten previsto actuar para evitar incendios nas aldeas durante o período comprendido entre 2019 e 2022, mediante a xestión da biomasa nas faixas secundarias. Terán prioridade aquelas zonas que presentan maior risco de incendio,  vento do  nordés, número de hectáreas queimadas, etcétera.

Ademais, implantarase un visor mediante o cal os concellos terán acceso á información correspondente ás parcelas que conforman as faixas secundarias. Por último, a addenda contempla a elaboración de proxectos de mobilización de terras nas faixas secundarias para implantar actividade agrogandeira.