FONDO DE COOPERACIÓN PARA O APOIO AO FINANCIAMENTO DE ACTUACIÓNS DE REHABILITACIÓN E CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO CONSTRUÍDO EN CONCELLOS DE MENOS DE 50.000 HABITANTES. PRAZO: 01-10-2019

Data: 

martes, 25 Xuño, 2019 (Todo o día) a martes, 1 Outubro, 2019 (Todo o día)

 

Instituto Galego da Vivenda e Solo 

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2019 pola que se convoca, para a anualidade de 2019, o acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes (código de procedemento VI438A).

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar, para a anualidade de 2019, o acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes (en diante, Fondo de cooperación), así como fixar o procedemento, as condicións e os criterios para acceder a el (código de procedemento VI438A).

Concellos destinatarios do financiamento

Poderán acceder ao financiamento a través do Fondo de cooperación os concellos de menos de 50.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes no 1 de xaneiro de 2019, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

Crédito orzamentario

1. O Fondo de cooperación está dotado, para esta convocatoria, cun importe de 6.400.000 euros, respectando a disposición máxima prevista no artigo 13 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

2. As disposicións de cantidades do Fondo de cooperación previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.821.60, correspondente á anualidade 2019 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Características das actuacións que se van financiar

1. Con cargo ao Fondo de cooperación poderán financiarse, total ou parcialmente, as seguintes actuacións:

a) As promovidas polos concellos no desenvolvemento das competencias que lles atribúe a lexislación urbanística en relación cos deberes de conservación e rehabilitación.

b) As de rehabilitación e rexeneración urbanas realizadas polo concello dentro das propias políticas municipais en materia de conservación e recuperación do patrimonio construído.

c) A adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.

2. Poderanse financiar as actuacións iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude de acceso ao financiamento, sempre que estean en execución nesa data.

3. As actuacións obxecto de financiamento deberán executarse no prazo máximo de catro anos, nos supostos previstos nas letras a) e b) do número 1, e de dous anos, para os casos establecidos na letra c). Estes prazos empezarán a contar desde o día seguinte ao da data de sinatura do correspondente convenio de financiamento.

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de outubro de 2019 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Descargas: