LIQUIDACIÓN ORZAMENTOS CONCELLOS GALEGOS ( ANO 2013 )

O  Ministerio  de  Facenda  e  Administracións  Públicas  publicou  os  datos correspondentes  á  liquidación  de  Orzamentos  dos  concellos  galegos  no ano 2013. 

Mención especial hai que facer, un ano máis, ao IBI urbano, que mantén a súa  liña  ascendente,  o  que  lle  confire  un  peso  específico  cada  vez  maior dentro dos ingresos municipais. 

En  materia  de  gasto,  Benestar  Comunitario,  Vivenda  e  Urbanismo  e Servizos  Sociais  seguen  a  ser  os  grandes  protagonistas  dentro  dos orzamentos dos concellos.  

Cabe  apuntar  que  ás  cifras  que  se  reflicten  neste  artigo,  habería  que engadirlles aquelas funcións que os concellos desenvolven, nalgúns casos, a  través das  Mancomunidades,  Consorcios,  Empresas  Municipais  e Deputacións Provinciais.

Nestes Orzamentos aínda non se poden apreciar os efectos derivados da Lei  de  Racionalidade  e  Sostibilidade  da  Administración  Local,  aprobada  a finais do ano 2013.

 

INGRESOS

Para facer unha análise dos ingresos locais do exercizo 2013, e de cara a  ter unha perspectiva máis clarificadora do panorama actual, dividimos as liñas financeiras  en  catro  grandes  grupos:  Impostos  Locais  (  onde  se inclúen o IBI, o IAE, o IVTM, o ICIO e o IVTNU ), Taxas e demais ingresos do Capítulo III, transferencias doutras administracións ( no que se incluirán as cifras percibidas polos concellos en concepto de Participación nos Ingresos do  Estado  e  da Comunidade  Autónoma  )  e  outros  ingresos  varios  ( Ingresos Patrimoniais, Alleamento de Inversións Reais e Activos e Pasivos Financeiros ).

 

IMPOSTOS LOCAIS ( 766,52 MILLÓNS DE EUROS )

Este apartado ven marcado polo incremento do 20% na recadación do IBI  urbano dende o ano 2011. No ano 2013, os concellos ingresaron por este concepto 80 millóns máis que hai dous anos. 
 
No lado oposto, hai que destacar que o Imposto de Construcións, que en anos pasados foi unha liña financeira moi importante, especialmente para un  grupo  de  concellos  moi  determinado,  mantén  a  súa  caída  iniciada  en 2006, ano no que se contabilizaron por este concepto máis de 100 Millóns de Euros, contía que neste ano 2013 cifrouse en tan só 20 Millóns. 
 
En  canto  aos  restantes  Impostos  municipais,  non  hai  variacións substanciais con respecto ao ano anterior. O IVTM segue sendo o segundo imposto local con maior poder recadatorio con 131 Millóns de Euros.

 

TAXAS E DEMAIS INGRESOS DO CAPÍTULO III ( 399,55 MILLÓNS DE EUROS )

Os concellos galegos recadan 400 Millóns de Euros por este concepto, dos que a metade ( en torno aos 200 Millóns ) corresponden ao capítulo para a  prestación  de  servizos  públicos  básicos,  con  mención  especial  para  a taxa para a recollida e tratamento de lixo e, en menor medida,  á Taxa de abastecemento de auga e rede de sumidoiros. 
 
Tamén  hai  que  salientar  os  70  Millóns  de  Euros  obtidos  en  concepto  de taxas  pola  utilización  privativa  ou  o  aproveitamento  especial  do  dominio público  local.  Neste  apartado,  inclúese  as  taxas  derivadas  do estacionamento  e  entrada  de  vehículos,  utilización  privativa  ou aproveitamento  especial  de  empresas  explotadoras  de  servizos  de subministro  e  telecomunicacións  e  por  ocupación  da  vía  pública  entre outras.

 

TRANSFERENCIAS ( 946,07 MILLÓNS DE EUROS )

No  apartado  de  Transferencias  correntes  e  de  capital,  os  concellos percibiron  un  montante  total  de    950  Millóns  de  Euros  procedentes  do Estado,  Comunidade  Autónoma,  Entidades  Locais  e  outros  Organismos. Desta  contía,  algo  máis  de  500  Millóns  de  Euros  corresponderon  á Participación  nos  Ingresos  do  Estado  e  112  Millóns  á  Participación  nos Ingresos da Comunidade Autónoma. 
 
No  resto  das  cantidades,  cabe  destacar  as  transferencias  finalistas recibidas  da  Comunidade  Autónoma  para  distintos  programas  de  gasto, así como as  percibidas das Deputacións Provinciais.

 

OUTROS INGRESOS VARIOS ( 80,26 MILLÓNS DE EUROS )

Neste  apartado  inclúense  os  ingresos  patrimoniais,  alleamento  de inversións  reais  (  capítulo  que  decreceu  dun  xeito  espectacular  nos últimos  anos),  activos  e  pasivos  financeiros,  que  suman  un  total  de  80 Millóns de Euros. 

 

GASTOS

 

O gasto reflectido polos concellos galegos na liquidación dos orzamentos no  ano  2013  situouse  preto  dos  2.100  Millóns  de  Euros,  cifra  similar  á cuantificada no ano anterior. 
 
Para facer un análise máis pormenorizado, dividimos os capítulos de gasto en  seis  grandes  áreas  nas  que,  en  todo  caso,  caberá  facer  diversas puntualizacións. 
 
Neste estudo do orzamento funcional visualizaremos unha foto global da estrutura das políticas de gasto, pero temos que ter moi presente que este análise pode ser enganoso cando se realiza de xeito individualizado, dado que  a  contabilización  nas  distintas  áreas  non  sempre  pode  ser  precisa, atendendo  á  natureza  de  cada  gasto,  o  que  de  feito,  xa  deu  lugar  a interpretacións erróneas en casos concretos dalgúns concellos.  
 
Por elo, e o vindeiro ano, có desenvolvemento pleno da Orde que regula o custo  efectivo  das  entidades  locais,  é  probable  que  a  valoración  e  as conclusións poderán ser máis certas.

 

A DISTRIBUCIÓN DO GASTO POR ÁREAS

 

SERVIZOS PÚBLICOS BÁSICOS ( 844,87 Millóns de Euros )

A  área  de  Servizos  Públicos  Básicos,  que  integra  as  políticas  de  gasto  de seguridade  e  mobilidade  cidadá,  vivenda  e  urbanismo,  benestar comunitario e medio ambiente, representa o 40,5 % do total dos concellos galegos. 
 
Na análise por programas, o gasto máis elevado o atopamos na recollida e tratamento  de  residuos  sólidos  urbanos,  integrado  en  benestar comunitario. Nesta mesma política de gasto tamén destacan saneamento e abastecemento de auga, alumeado público e limpeza viaria. 
 
 En  canto  a  outros  programas  de  gasto  destacados  nesta  área,  hai  que engadir  a  seguridade  e  orde  público  (  con  maior  protagonismo  nas grandes  cidades  ),  urbanismo  e  vías  públicas  (  integrados  na  política  de gasto vivenda e urbanismo ) e parques e xardíns ( medio ambiente ).

 

ACTUACIÓNS DE PROTECCIÓN E PROMOCIÓN SOCIAL ( 241,4 Millóns de Euros )

Na  área  de  Protección  e  Promoción  Social,  que  representa  o  11,57  %  do orzamento dos concellos, servizos sociais e emprego acumulan máis do 90 % do gasto. 
 
Dentro da política de gasto de servizos sociais e promoción social, acción social e atención a persoas dependentes acumulan a maior parte dos 165 Millóns de Euros invertidos neste ámbito.   Mentres,  en  promoción  do emprego, a contía global situouse en torno aos 52 Millóns.

 

PRODUCCIÓN DE BENS PÚBLICOS DE CARÁCTER PREFERENTE (316 Millóns de Euros )

Sanidade,  educación,  cultura  e  deporte  son  os  programas  que  integran esta área de gasto, que representa o 15,15% do total dos concellos. 
 
Mentres  que  en  educación,  o  gasto  centralízase  fundamentalmente  nos programas  de  ensinanza  infantil  e  primaria  e  servizos  complementarios, en  cultura  destaca  o  programa  de  promoción  cultural.  No  apartado  de Deporte, a maior parte do gasto está asignado a instalacións deportivas e promoción e fomento do deporte.

 

ACTUACIÓNS DE CARÁCTER ECONÓMICO ( 150 Millóns de Euros )

Representa  o  7,2  %  do  gasto  dos  concellos,  e  integran  este  capítulo  as políticas de gasto de agricultura, industria e enerxía, comercio, turismo e PEMES, transporte público e infraestruturas. 
 
A  metade  do  gasto  nesta  área  corresponde  a  infraestruturas  (  estradas, camiños  veciñais  e  outras  infraestruturas).  Tamén  podemos  destacar promoción,  mantemento  e  desenvolvemento  do  transporte  ( practicamente  exclusivo  das  Grandes  Cidades  )  e  os  programas  de comercio e ordenación e promoción turística.

 

ACTUACIÓNS DE CARÁCTER XERAL ( 377,39 Millóns de Euros )

Nesta  área  inclúense  os  servizos  de  carácter  xeral,  órganos  de  goberno, administración  financeira  e  tributaria  e  transferencias  a  outras administracións públicas, e representa o 18,10 % do gasto total. 
 
Aínda  que  os  servizos  de  carácter  xeral  absorben  o  63%  do  gasto  desta área,  hai  que  ter  en  conta  neste  caso  que  unha  parte  importante  desta contía  debería  asignarse proporcionalmente  a  algúns  dos  programas anteriormente mencionados. 
 
Tamén ten un especial protagonismo o gasto en administración financeira e  tributaria  (  política  económica  e  fiscal  e  xestión  do  sistema  tributario, patrimonio, débeda e tesourería ).

 

DÉBEDA PÚBLICA ( 155,76 Millóns de Euros )

Esta  área  representou  no  ano  2013  o  7,47  %  do  total  de  gastos  dos concellos.  Neste  apartado  contabilízanse  os  intereses  e  amortización  da débeda pública e demais operacións financeiras de natureza análoga. 

 

 

 

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon Descargar PDF228.05 KB