Máis de 200 técnicos dos departamentos municipais de ordenación municipal coñecen o Plan Básico Autonómico

Data: 

venres, 26 Xaneiro, 2018 - 10:30

Santiago de Compostela 26 de xaneiro de 2018.- A Federación Galega de Municipios e Provincias organizou xunto coa Consellería de Medio Ambiente unha xornada informativa sobre o Pan Básico Autonómico (PBA) que tivo lugar esta mañá no edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia. A xornada foi inaugurada por Alfredo García, presidente da Fegamp, xunto con Encarnación Rivas, Directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

O goberno autonómico ven de aprobar recentemente o PBA cuxo período de información pública será de dous meses, para as posibles alegacións. O plan encaixa como un paso intermedio para conseguir que cada concello posúa unha ordenación operativa do seu territorio. Este plan básico (PBA) virá a substituír ás Normas Complementarias e Subsidiarias de Plan provinciais, aprobadas no ano 1991 e neste senso, o presidente da Fegamp comentaba: “unha parte importante deste plan é que renova a normativa existente xa que é necesario establecer un novo marco capaz de adaptarse á nova realidade urbanística e servir de apoio a os concellos”.  

O presidente da Fegamp, Alfredo García, destacaba no seu discurso a importancia do ordenamento urbanístico: “os concellos deben saber da importancia de contar cun plan de ordenación municipal para planificar da mellor forma posible as cidades e pobos”.  A alta participación municipal na xornada era, segundo o presidente da Fegamp, unha “evidencia” de que os concellos “necesitan axuda para sacar os seus PXOM adiante”.

O PBA será de directa aplicación nos concellos que carezan de plan xeral de ordenación municipal, servirá de punto de partida para a posterior elaboración dos plans básicos municipais para os concellos de menos de 5.000 habitantes, e terá carácter complementario do plan municipal naqueles concellos nos que xa exista, suplindo así as posibles indeterminacións do plan municipal vixente.

imaxes da xornada