A mostra ‘No colo da esperanza’ inicia na Guarda o percorrido por concellos do Fondo Galego

foto Felipe Carnotto "ruta dos balcáns"

A Guarda, 17 de abril de 2018. A exposición ‘No colo da esperanza’ inicia mañá na Guarda o seu percorrido por concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co obxectivo de concienciar sobre a difícil situación das persoas refuxiadas. As instantáneas tomadas polo fotoxornalista Felipe Carnotto en 2015 na denominada “ruta dos Balcáns” poderán verse na Casa do Concello guardesa ata o vindeiro 4 de maio.

As fotografías están protagonizadas principalmente por rapazas e rapaces que foxen da guerra en Siria canda as súas familias, na busca dun futuro próspero en Europa. A forza das imaxes pretende poñer o foco nas inxustizas que están a acontecer para que milleiros de persoas abandonen os seus fogares e camiñen en ringleiras durante horas, cruzando países como Turquía, Macedonia ou Serbia na procura de refuxio, coa esperanza de vivir en paz.

A relación entre Felipe Carnotto e o Fondo Galego bota a andar en 2014, cando o fotógrafo gaña o concurso Imaxes con Fondo II, no que o premio era unha viaxe a Nicaragua para retratar a realidade do país e os proxectos alí apoiados. Desta colaboración nace a mostra ‘Nicaragua. O futuro’ e unha serie de obradoiros de fotografía social que percorreron unha decena de vilas. Agora o reporteiro cede esta nova exposición realizada na ruta dos Balcáns, onde o Fondo Galego ten achegado axuda de emerxencia ás persoas refuxiadas.

Como fotoxornalista freelance, Felipe Carnotto (São Paulo, 1986) ten publicado en xornais como The Guardian, Der Spiegel, Financial Times, El País ou a revista Luzes. O fotógrafo de orixe brasileira afincado en Vigo amosou ademais a súa obra na Sede Afundación da cidade olívica ou no Kiosko Alfonso da Coruña,  así coma en galerías e museos doutros puntos do Estado e de Portugal. En 2017 faise co recoñecemento á Imaxe do Ano no prestixioso certame Estação Imagem e no mesmo ano acada o Galicia en Foco, o galardón fotoxornalístico máis antigo de Galicia.

O Fondo Galego de Cooperación

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 94 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebrou en 2017 o seu vixésimo aniversario.