A nova executiva da Fegamp para o mandato 2015-2019 constitúese cun compromiso de unanimidade

Constitución da nova executiva da Fegamp

A Federación Galega de Municipios e Provincias conformou a Comisión Executiva que exercerá o goberno da institución durante os próximos catro anos. Con Alfredo García, alcalde do Barco de Valdeorras, na presidencia, o órgano de dirección da Fegamp completouse cos rexedores de Ares, Carballeda de Avia, Cotobade, Guitiriz, Moaña, Monforte de Lemos, Padrón, Ponte Caldelas, O Porriño, Quintela de Leirado, Quiroga, Sada e Silleda. A vicepresidencia executiva ocúpaa o alcalde de Oroso, Manuel Mirás; a vicepresidencia primeira exércea o rexedor de Cervo, Alfonso Villares e a segunda Evencio Ferrero, primeiro edil de Carballo.

A Fegamp aprobou ademais a súa nova Xunta de Voceiros, onde as Mareas acadan por primeira vez representación no ente coa presenza do alcalde de Sada, Óscar Benito Portela. O presidente da Fegamp, Alfredo García, expresou na reunión de constitución que “a unanimidade era a meta e o diálogo constante o modo de acadala. A gran maioría dos problemas dos concellos son comúns a todos eles, independentemente da cor do seu goberno”. Esta mensaxe de unión tamén foi expresada polo resto de grupos políticos que conformaron os órganos directivos da institución.

Entre os primeiros asuntos da axenda, a executiva aprobou por unanimidade o Plan Marco de Mellora dos Camiños Municipais, que fixa os criterios polos que os concellos poderán acceder a una partida europea de 20 millóns de euros para reparar as snúas vías. A entidade tamén avanzou nos trámites de negociación para o novo convenio dos GES (Grupos de Emerxencias Supramunicipais).

Financiamento de centros de saúde e atención á drogodependencia

Alfredo García, presidente da Fegamp, vaise reunir este venres co conselleiro de Sanidade para trasladarlle as demandas máis inmediatas dos concellos galegos nesta área.

Entre elas, a Fegamp pedirá que o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña se encargue do mantemento de 29 centros de saúde actualmente financiados polos municipios. Alfredo García, acompañado dos vicepresidentes da institución local, expoñerá ademais a necesidade de que o SERGAS asuma no seu catálogo o funcionamento das Unidades Municipais de Atención á Drogodependentes (UMADs), así como unha nova planificación de criterios para a prevención do consumo de estupefacientes.