As novas liñas de transporte público de viaxeiros comenzarán a prestar os seus servizos en verán

Data: 

martes, 2 Maio, 2017 - 11:00

O presidente da FEGAMP, Alfredo García, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, na que se trasladou a información sobre os próximos pasos que se van dar na reordenación do servizo de transporte público nos concellos galegos. As novas liñas de transporte público de viaxeiros comezarán a prestar os seus servizos no mes de agosto nas provincias de Ourense e Lugo, para despois trasladarse ó resto de Galicia. A Fegamp insistiu na necesidade da prestación do servizo de transporte poñendo como prioridade aos veciños máis maiores de concellos máis pequenos.

 A titular de transportes do Goberno explicou ó presidente da FEGAMP que o proceso está nunha primeira fase que remataría no próximo mes de agosto coa posta en marcha de novos servizos de transporte público, comezando polas provincias de Ourense e Lugo. O motivo para comezar por estas dúas zonas en concreto é o número de renuncias a prestación dos servizos das antigas concesións que foi máis do 80% no caso de Ourense e por encima do 60%  na provincia de Lugo.

Alfredo García salientou na reunión a importancia de que a Xunta  dea prioridade aos veciños, sobre todo a aqueles máis maiores que viven en concellos pequenos; tamén destacou a importancia de prestar o servizo de transporte público a todos os veciños dos concellos galegos, independentemente de que unha zona ou liña de transporte concreta sexa rendible ou non.

En canto aos novos contratos de explotación, a Xunta informou que se someterán a información pública ao longo do mes de maio.  Ethel Vázquez explicou ao representante da FEGAMP que haberá  un prazo de 10 días para presentar alegacións por parte dos concellos e tamén para que as empresas que están interesadas na prestación deste servizo amosen ese interese en concorrer ao proceso de licitación.

Dende a Consellería de Infraestruturas e Vivenda  avanzouse tamén que estes novos contratos de explotación ofertaranse de forma agrupada, por lotes zonais, tentando ofertar un servizo máis adecuado ao territorio e tamén máis eficiente e racional. Tras o sometemento a información pública dos novos contratos, nos seguintes meses, traballarase na aprobación dos proxectos presentados e na adxudicación dos contratos coa previsión de comezar a prestar os servizos no mes de agosto.

A reordenación das concesións de transportes que perden vixencia en agosto de 2017, forma parte desa primeira fase do Plan de transporte público en Galicia e que ten de prazo estipulado para estar completamente rematada e en funcionamento en 2019. Nesa data deberá estar completo o mapa de liñas de transporte público na nosa comunidade e tamén establecida a posta en marcha de modelos de transporte á demanda.

galer_a_fotos