O Alcalde de Ames pide a Varela que estudie crear unha central de contratación na FEGAMP

Data: 

xoves, 23 Xaneiro, 2020 (Todo o día)
Alberto Varela, FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias, José Manuel Miñones, Ames

Alberto Varela iniciou unha rolda de contactos con alcaldes para solicitar de primeira man as súas peticións e suxestións, e presentarlles as liñas de traballo da Federación Galega de Municipios e Provincias nos vindeiros catro anos.

Ames, 22 de Xaneiro de 2020.- Trala reunión co alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias Abel Caballero, o primeiro encontro de Alberto Varela foi na localidade de Ames.

José Manuel Miñones e o seu equipo de goberno trasladáronlle as dificultades do seu consistorio para prestar determinados servizos por falta de persoal, con equipos desbordados que non poden reforzar pola estrita taxa de reposición. Neste sentido, Miñones pediu ao presidente da FEGAMP que se reclame máis marxe de manobra para os concellos, administracións que máis están a cumprir en materia de débeda pública. Propón que se valore a posibilidade de crear unha central de contratación que axude aos concellos na elaboración de pregos e permita axilizar os procedementos de contratación.

O alcalde de Ames pediu tamén que se busquen solucións para os municipios que, por ser de tamaño medio, quedanse á marxe do financiamento que reciben tanto as cidades máis grandes como os municipios máis pequenos.

Precisamente, mellorar o financiamento é unha das prioridades nesta etapa da FEGAMP con Alberto Varela á fronte. Outro obxectivo do novo presidente é que se descargue aos concellos de servizos están a asumir sen corresponderlles. Para iso a Federación tentará que se definan máis as responsabilidades das distintas institucións e que as competencias que se transfiran vaian acompañadas sempre dunha memoria económica acordada co concello.