ORDE CONXUNTA AXUDAS INCENDIOS. CAPÍTULO III: Axudas por danos persoais causados polos incendios correspondentes ao ámbito da competencia da Consellería de Facenda

Data: 

martes, 31 Outubro, 2017 (Todo o día) a xoves, 30 Novembro, 2017 (Todo o día)

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE conxunta do 27 de outubro de 2017 mediante a que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

 

CAPÍTULO III
AXUDAS POR DANOS PERSOAIS CAUSADOS POLOS INCENDIOS CORRESPONDENTES AO ÁMBITO DA COMPETENCIA DA CONSELLERÍA DE FACENDA

Convocatoria de axudas por danos persoais causados polos incendios. Código de procedemento administrativo FA100A.

Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular o outorgamento de axudas polos danos persoais causados polos incendios que se produciron en Galicia en outubro de 2017, sempre que, como resultado das investigacións iniciadas, se determine a existencia de intencionalidade, e que se relacionan de seguido:

a) Falecemento.

b) Incapacidade permanente absoluta.

c) Lesións que motiven a hospitalización da persoa ferida.

Persoas beneficiarias

1. Serán beneficiarias directas destas axudas as persoas afectadas pola incapacidade permanente absoluta ou lesións que causasen a hospitalización.

2. Serán beneficiarios destas axudas a título de vítimas indirectas, no caso de morte e con referencia sempre á data desta, as persoas que reúnan as condicións que se indican a continuación:

a) O cónxuxe da persoa falecida, se non estivese separado legalmente, ou a persoa que viñera convivindo coa persoa falecida de forma permanente, con análoga relación de afectividade á de cónxuxe, durante, polo menos, os dous anos anteriores ao momento do falecemento, salvo que tivesen descendencia; neste caso abondará a mera convivencia.

b) Os fillos menores de idade dos falecidos ou das outras persoas a que se refire a alínea anterior.

c) Os fillos maiores de idade se sufrisen un prexuízo económico-patrimonial relevante, debidamente acreditado, en relación coa súa situación económica anterior ao falecemento.

d) Na falta das persoas mencionadas anteriormente, serán beneficiarios os pais da persoa falecida.

e) Na falta das persoas mencionadas nas alíneas a), b), c) e d), serán beneficiarios os irmáns da persoa falecida, se acreditan dependencia económica daquela.

Determinación da axuda

1. As axudas concederanse de acordo cos seguintes criterios:

a) 75.000 euros para os casos de falecemento e incapacidade permanente absoluta.

b) Para os casos de lesións que causasen hospitalización, incluiranse en todo caso os gastos de asistencia médica e hospitalización, así como outros danos persoais que se acrediten e estean comprendidos entre 60 e 103 euros por día de hospitalización, sen que en ningún caso poidan superarse as contías que resultan de aplicar o sistema para a valoración dos danos e perdas causados ás persoas en accidentes de circulación, recollido no texto refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2004, do 29 de outubro.

2. Os servizos técnicos da consellería avaliarán os danos persoais por lesións obxecto de axuda e emitirán un informe coa valoración dos danos indemnizables.

Lugar e prazo para a presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo para a presentación das solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

 

Descargas: