ORDE CONXUNTA AXUDAS INCENDIOS. CAPÍTULO IV: Axudas destinadas a titulares de terreos cinexéticos ordenados (tecor) de Galicia afectados polos incendios.

Data: 

martes, 31 Outubro, 2017 (Todo o día) a xoves, 30 Novembro, 2017 (Todo o día)

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE conxunta do 27 de outubro de 2017 mediante a que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

 

CAPÍTULO IV
AXUDAS DESTINADAS A TITULARES DE TERREOS CINEXÉTICOS ORDENADOS (TECOR) DE GALICIA AFECTADOS POLOS INCENDIOS NO ÁMBITO DA COMPETENCIA DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E ORDENACIÓN DO TERRITORIO

 

Convocatoria de axudas en réxime de concorrencia non competitiva destinadas a titulares de terreos cinexéticos ordenados de Galicia afectados polos incendios. Código de procedemento administrativo MT100A.

Obxecto e beneficiarios

1. As subvenciones reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas específicas para sufragar os gastos derivados das actuacións que se leven a cabo para paliar os danos causados nos terreos cinexeticamente ordenados como consecuencia dos incendios que se produciron durante o mes do outubro do ano 2017, incluídos os danos producidos desde o día do incendio ata o 31 de decembro de 2017.

2. Poderán ser beneficiarios das subvencións convocadas os titulares de terreos cinexéticos ordenados (tecor) de Galicia, regulados no artigo 13 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, afectados pola vaga de incendios que se produciron en Galicia no mes de outubro de 2017.

3. Serán subvencionables con cargo á presente convocatoria:

a) As actuacións nos terreos cinexeticamente ordenados coa finalidade de recuperación dos hábitats cinexéticos e a protección dos solos nas zonas afectadas polos lumes.

b) A recuperación das infraestruturas e instalacións destruídas polos incendios (refuxios, fontes, comedeiros, bebedoiros, tobeiras, cercas, infraestruturas de aclimatación, elementos de sinalizacións, etc.)

4. As actuacións referidas na letra a) consistirán na sementeira de cereais nos tecor afectados pola vaga de lumes forestais referida. Para tal efecto as actuacións de sementeira poderanse estender ata o 10 % da superficie queimada.

O custo subvencionable será dun máximo de 650 euros por hectárea, cun límite máximo por entidade de 30.000 euros ata o esgotamento do crédito dispoñible.

Respecto ás actuacións referidas na letra b), os interesados deberán presentar unha memoria sobre os danos ocasionados nas infraestruturas ou instalacións afectadas polo lume, incluíndo unha relación valorada destes, a xustificación da titularidade, propiedade ou dereito de uso dos ditos bens.

Subvencionarase o 100 % dos gastos acreditados en reparacións e/ou reposicións das infraestruturas e/ou instalacións ata un máximo de 12.000 euros por solicitante.

5. As entidades beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Crédito

1. Resulta de aplicación a Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000, e do 25 de outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto polo que a aprobación do expediente queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2018.

As axudas concederanse con cargo ao crédito previsto na aplicación orzamentaria, 07.03.541B 781.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, por importe de trescentos mil euros (300.000,00 euros).

2. A axuda económica que se conceda para actuacións de recuperación de hábitats e protección do solo poderá acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 30.000 euros ata o esgotamento do crédito.

3. A axuda económica que se conceda para recuperación de infraestruturas poderá acadar a totalidade do gasto efectuado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros ata o esgotamento do crédito.

4. No caso de esgotamento do crédito dispoñible, publicarase a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio http://cmaot.xunta.gal

Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

Os tecores que desexen acollerse aos beneficios deste capítulo presentarán solicitude dirixida á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde acompañados da documentación que se relaciona no punto 7 desta base.

A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: