ORDE CONXUNTA AXUDAS INCENDIOS. CAPÍTULO VII: Axudas destinadas á reparación dos danos nas explotacións agrícolas e gandeiras.

Data: 

martes, 31 Outubro, 2017 (Todo o día) a xoves, 30 Novembro, 2017 (Todo o día)

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE conxunta do 27 de outubro de 2017 mediante a que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

 

CAPÍTULO VII
AXUDAS DESTINADAS Á REPARACIÓN DOS DANOS NAS EXPLOTACIÓNS AGRÍCOLAS E GANDEIRAS POLOS INCENDIOS CORRESPONDENTES AO ÁMBITO COMPETENCIAL
DA CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

Convocatoria de axudas en réxime de concorrencia non competitiva por rateo por danos para a reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados e por danos nas explotacións agrícolas e gandeiras afectadas polos incendios. Código de procedemento administrativo MR616A.

Ámbito de aplicación

1. Este capítulo será de aplicación ás infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais, á maquinaria e equipamento forestal danados como consecuencia dos labores de extinción dos incendios forestais, á madeira amoreada queimada e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial, e aos bens, equipamentos, maquinaria, medios de produción, producións e gando ou colmeas danados nas explotacións agrícolas e gandeiras, e a subministración de alimentación complementaria de gando ou colmeas nas zonas afectadas polos incendios que se produciron en outubro de 2017.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concesión en concorrencia non competitiva por rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Liñas de axuda

1. As liñas obxecto de axuda son as seguintes:

a) Axuda para a reparación dos danos causados a infraestruturas de titularidade privada (liña I).

b) Axuda para a reparación da maquinaria e equipamento forestal danada en tarefas de colaboración na extinción dos incendios forestais ou ocasionados polos mesmos (liña II).

c) Axuda aos gastos da madeira amoreada queimada e de corta, recollida e estelado da madeira queimada non comercial (liña III).

d) Axuda para a reparación de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións agrícolas ou gandeiras (liña IV).

e) Axuda pola perda total ou parcial da produción agrícola das explotacións agrícolas e gandeiras (liña V).

f) Axuda pola morte de gando ou pola perda de colmeas das explotacións gandeiras e apícolas (liña VI).

g) Axuda para a adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou as colmeas nas zonas afectadas (liña VII).

2. As axudas contidas neste capítulo outórganse ao abeiro da seguinte normativa:

a) As axudas polos danos sufridos en explotacións agrícolas e gandeiras outórganse ao abeiro do establecido no Regulamento (UE) nº 702/2014, da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícolas e forestais e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea;

b) As axudas polos danos sufridos en explotacións forestais outórganse ao abeiro do establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

 Persoas beneficiarias

1. Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas propietarias ou arrendatarias de terreos forestais, así como os titulares de explotacións agrícolas e gandeiras, con exclusión dos organismos públicos. No caso de danos causados á maquinaria e equipamento nos labores de extinción, as persoas beneficiarias serán as persoas físicas ou xurídicas propietarias deles, con exclusión dos organismos públicos.

2. Unha mesma persoa solicitante poderá solicitar as sete liñas de axuda. O expediente de axudas será único.

3. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

4. No caso das CMVMC, deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de Montes Veciñais en Man Común, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, con xunta reitora ou equivalente actualizada, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no momento da solicitude da axuda.

5. No caso das explotacións agrícolas e gandeiras, estas deberán estar rexistradas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e, de ser o caso, no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras e, para o caso dos animais e colmeas, consideraranse unicamente para efectos das axudas os correctamente identificados e/ou declarados.

Contía da axuda e requisitos

1. A contía da axuda calcularase con base no establecido nas alíneas seguintes:

a) Liña I: no caso de reparación dos danos causados a infraestruturas, será do 100 % do investimento elixible calculado de acordo coa base sexta deste capítulo, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 15.000 euros.

b) Liña II: no caso de maquinaria e equipamento forestal danados en tarefas de colaboración nos labores de extinción, será do 100 % do investimento elixible calculado de acordo coa base sexta deste capítulo, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 50.000 euros.

c) Liña III: no caso dos gastos da madeira amoreada queimada e de corta, recollida e estelado da madeira queimada non comercial será do 100 % do investimento elixible calculado de acordo coa base sexta deste capítulo, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 25.000 euros.

d) Liña IV: no caso de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción danados nas explotacións agrícolas e gandeiras, o 100 % do investimento elixible calculado de acordo coa base sexta deste capítulo, cun límite máximo de 25.000 euros.

e) Liña V: no caso de danos derivados da perda total ou parcial da produción agrícola, a axuda será do 100 %, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 15.000 euros.

f) Liña VI: no caso de morte de gando bovino, ovino e cabrún, reprodutores porcinos e polos de engorda das especies Gallus gallus e Meleagris gallopavo, os importes establecidos na Orde do 29 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2017. No caso de morte de aves reprodutoras e poñedoras, os importes establecidos no Real decreto 823/2010, do 25 de xuño, polo que se establecen os baremos de indemnización polo sacrificio obrigatorio dos animais obxecto dos programas nacionais de control de salmonela en mandas de aves reprodutoras e poñedoras do xénero Gallus gallus, e de mandas de pavos reprodutores. No caso de morte de animais doutras categorías de gando porcino: femias de reposición, 150 euros; leitóns ata o destete, 25 euros; leitóns de transición, 40 euros; animais de ceba, 140 euros. No caso de morte de animais da especie cunícola: reprodutores, 30 euros; femias de reposición, 15 euros; cazapos lactantes, 1 euro; e cazapos de engorda, 3 euros. No caso de morte de gando equino, 200 euros se se trata de animais de máis de 24 meses, e 60 euros no caso de animais menores de 24 meses. No caso de destrución das colmeas, 100 euros por colmea destruída. O límite máximo por persoa beneficiaria será de 15.000 euros.

g) Liña VII: no caso de adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou as colmeas nas zonas afectadas, o 100 % do custo calculado deste para un máximo de tres meses, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 3.000 euros.

2. No caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte ao importe calculado de acordo co punto 1 desta base, ratearase, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Como requisito para as liñas de axuda I, II, III, IV e VII deberanse presentar tres orzamentos de diferentes provedores en que se desagreguen detalladamente e se cuantifiquen os custos das actuacións que se van realizar.

Conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables os seguintes conceptos:

a) Liña I: a reparación dos danos causados polos incendios en terreos forestais de titularidade privada nos seguintes investimentos:

Pistas forestais.

Captacións de augas (caseta en que figura a toma de auga, instalación de distribución).

Cerramentos (cancelas, colocación de postes, malla ou arame, pasos do gando).

Bebedoiros e comedeiros. No caso de que quedasen inutilizados poderán ser substituídos por bebedoiros e comedeiros móbiles.

b) Liña II: os gastos de reparación dos danos causados na maquinaria e no equipamento forestal ocasionados en tarefas de colaboración nos labores de extinción de incendios forestais ou ocasionados por estes. No caso de que quedasen inutilizados poderán ser substituídos por nova maquinaria (nova ou de segunda man).

c) Liña III: os gastos de extracción ou eliminación de madeira de corta comercial amoreada na zona afectada polos lumes. Tamén serán subvencionables a corta, a recollida e o estelado da madeira queimada non comercial en pé.

d) Liña IV: os gastos de reparación dos danos causados nos bens, maquinaria, equipamentos e medios de produción das explotacións agrícolas e gandeiras. No caso de que quedasen inutilizados poderán ser substituídos por nova maquinaria (nova ou de segunda man).

e) Liña V: os danos sufridos na produción agrícola na campaña.

f) Liña VI: o valor dos animais mortos ou das colmeas destruídas e queimadas como consecuencia dos incendios forestais nas zonas afectadas.

g) Liña VII: o valor da alimentación complementaria que hai que subministrar aos animais e colmeas superviventes nas zonas afectadas, para un período máximo de tres meses, calculado en función do número de animais ou colmeas.

Solicitudes e prazo

As solicitudes irán dirixidas á persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural onde estea situada a infraestrutura ou explotación que sufrise danos.

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Descargas: