ORDE CONXUNTA AXUDAS INCENDIOS. CAPÍTULO VIII: Axudas destinadas a entidades de carácter asociativo afectadas polos incendios no ámbito da competencia da Consellería do Mar.

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE conxunta do 27 de outubro de 2017 mediante a que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

 

CAPÍTULO VIII
AXUDAS DESTINADAS A ENTIDADES DE CARÁCTER ASOCIATIVO AFECTADAS POLOS INCENDIOS NO ÁMBITO DA COMPETENCIA DA CONSELLERÍA DO MAR

Convocatoria de axudas en réxime de concorrencia non competitiva destinadas a entidades de carácter asociativo de dereito público ou privado. Código de procedemento administrativo PE100A.

Obxecto

As axudas reguladas nestas bases aplicaranse á reparación dos danos causados nos bancos marisqueiros da comunidade autónoma que sexan consecuencia dos incendios acaecidos no mes de outubro.

Persoas beneficiarias

Poderán acollerse ás axudas establecidas nesta orde as entidades de carácter asociativo, xa sexan de dereito público ou privado, tales como confrarías, organizacións de produtores, asociacións de profesionais do sector, cooperativas ou organizacións constituídas por produtores de base que xestionen ou teñan aprobados plans de explotación marisqueira.

Proxectos obxecto de subvención

Poderán ser obxecto de axuda, de conformidade con esta orde, os proxectos de plans de limpeza, recuperación, acondicionamento e rexeneración dos bancos marisqueiros afectados presentados polas entidades recollidas na base segunda.

Para ter acceso a estas axudas, os investimentos deberán cumprir as condicións seguintes:

a) Ofrecer unha garantía suficiente de viabilidade técnica das accións que se pretendan executar.

b) Evitar efectos prexudiciais, en particular, ou perigo de creación de capacidades de produción excedentarias.

c) Dispor das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos previstos e a súa posterior posta en produción.

Gastos subvencionables e intensidade da axuda

1. Poderán concederse axudas para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos na base anterior:

a) Os derivados de accións materiais sobre o medio natural para a limpeza, rexeneración, recuperación e acondicionamento dos bancos marisqueiros.

b) A adquisición ou alugamento de maquinaria, utensilios e elementos auxiliares para a realización das tarefas regulados no punto anterior.

c) A repoboación directa, sempre que estea expresamente prevista como medida de conservación por un acto xurídico da Unión.

d) O pagamento aos membros das entidades beneficiarias enumeradas nesta orde polas tarefas de limpeza, rexeneración, recuperación e acondicionamento dos bancos marisqueiros. A contía que se aboará en ningún caso poderá superar os ingresos medios das persoas mariscadoras nas mesmas datas neses bancos marisqueiros ou nos últimos dous anos, de conformidade cos datos estatísticos facilitados polas persoas concesionarias das lonxas. Este importe será minorado polos ingresos obtidos pola realización da súa profesión habitual. Este pagamento será incompatible coa percepción do dereito á protección de desemprego e co resto das prestacións do sistema da Seguridade Social, non compatibles co traballo.

2. Así mesmo, terán a consideración de gastos subvencionables os derivados de actuacións realizadas con anterioridade á presentación da solicitude, sempre que poida xustificarse polo solicitante a súa necesidade para minorar o impacto dos efectos derivados dos incendios sobre os bancos marisqueiros.

Estas actuacións deberán recollerse no proxecto que se xunta á solicitude.

3. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionado en cada un dos proxectos obxecto de subvención, condicionado, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

Presentación de solicitudes

1. As solicitudes dirixiranse á Consellería do Mar segundo o modelo que figura no anexo I a esta orde no prazo dun (1) mes desde que se publique no Diario Oficial de Galiciaa resolución ditada pola conselleira do Mar na cal se determinen os bancos marisqueiros que sufriron danos como consecuencia dos incendios do mes de outubro.

2. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

 

 

Descargas: