Os concellos galegos poderán empregar espazos do GAIÁS de forma gratuíta

Data: 

mércores, 12 Xullo, 2017 - 13:00

A través dun convenio firmado este mércores pola Fegamp coa Fundación Cidade da Cultura, os concellos de Galicia poderán empregar os espazos do Gaiás, sen que supoña ningún custo para as arcas municipais, para presentacións, formacións ou eventos.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2017- Esta mañá tiña lugar nas instalación da Cidade da Cultura en Santiago a firma do convenio, entre a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Fundación Cidade da Cultura, para o uso gratuíto dos espazos do GAIÁS polos concellos galegos. No acto de firma estaban presentes o presidente da Fegamp, Alfredo García, o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo. O acordo permitirá aos municipios galegos e á propia Fegamp, usar os espazos do Gaiás para levar a cabo actividades culturais - coma presentacións, reunións, eventos ou roldas de prensa - nas diferentes salas das que dispón a Cidade da Cultura e sen custo algún para os concellos.

O presidente da Fegamp, Alfredo García, cualificaba de esta forma o acordo: “é un acerto que os concellos podan utilizar as instalacións da cidade da cultura de forma gratuíta para as súas actividades culturais e aínda máis para os concellos pequenos e con menos recursos, xa que non se poderían permitir o uso destes espazos debido ao custo que suporía”. Remarcaba tamén García: “este acordo mantén a liña de colaboración do goberno autonómico cos concellos á vez que tamén a aposta por poñer en valor A Cidade da Cultura entre o municipalismo galego”.

Segundo o propio presidente da Fegamp aseguraba: “o uso dos espazos da Cidade da Cultura por parte de todos os concellos de Galicia é unha forma de descentralizar o uso do GAiÁS da capital autonómica e achegalo a todos os recunchos de Galicia”. Destacaba ademais García que agora os concellos teñen a posibilidade de usar este espazo aínda que se atopen lonxe de Santiago e teñen o recurso de trasladar ata aquí eventos que requiran unhas instalacións con determinadas características ou unha maior proxección nos medios de comunicación”.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, salientou que “a apertura do Gaiás a todos os Concellos de Galicia é unha prioridade e este complexo debe operar como unha plataforma para dar a coñecer o mellor da nosa comunidade”. Neste sentido, remarcou que “os 313 rostros do noso país deben poder ollarse nun mesmo espello, e ese espello é a Cidade da Cultura”

A Xunta de Voceiros e a Comisión Executiva da Fegamp celebráronse este mércores por primeira vez na Cidade da Cultura e aproveitouse a reunión dos alcaldes no Gaiás para realizar unha visita guiada ás instalacións da Cidade da Cultura e así comprobar en primeira persoa as posibilidades do complexo para a realización de eventos culturais por parte dos concellos.

O Gaiás cos Concellos