PREMIOS GALICIA PARABÉNS 2019-2020. PRAZO: 24-03-2019

Data: 

venres, 25 Xaneiro, 2019 (Todo o día) a luns, 25 Marzo, 2019 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia 

Resolución do 27 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios Galicia Parabéns e se procede á súa convocatoria para o ano 2019. BDNS (Identif.): 435366.

Obxecto e réxime

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios Galicia Parabéns como un recoñecemento institucional e social ás iniciativas destinadas a conservar, mellorar e embelecer as paisaxes, os núcleos poboacionais e os Camiños de Santiago dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. (TU201A).

Os premios Galicia Parabéns constarán das seguintes categorías:

1ª categoría:

Destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións realizadas, nos últimos dez anos, para conseguir unha mellora da paisaxe, unha integración axeitada nela de elementos antrópicos (arquitecturas, estradas, industrias, canteiras, etc), ou da propia mellora estética dos núcleos poboacionais. Así mesmo, inclúense nesta categoría as iniciativas ou actuacións de embelecemento realizadas nos lindeiros das rutas dos Camiños de Santiago.

2ª categoría:

Destinada a premiar os mellores proxectos dirixidos á realización de obras de revalorización e embelecemento, tanto para promover unha mellora da paisaxe como para intervencións nos núcleos poboacionais ou nos lindeiros dos Camiños de Santiago.

Entidades beneficiarias

Poderán participar nesta convocatoria, segundo as categorías que se establecen no artigo anterior, os concellos, as agrupacións de concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais galegos.

Para os efectos desta resolución, considérase agrupación de concellos aquela candidatura subscrita por dous ou máis concellos, e deberá axustarse ao disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os concellos non poderán solicitar o premio en máis dunha candidatura. A infracción deste criterio dará lugar á non admisión de todas as candidaturas de que formen parte.

Non poderán participar nesta convocatoria as sete grandes cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela, e as entidades locais en que están integradas.

Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

Importe

Os premios previstos nestas bases imputaranse á aplicación orzamentaria 11.A2 761A 760.0, proxecto 2017 00004, dos orzamentos da Axencia Turismo de Galicia para as anualidades 2019 e 2020. A distribución para cada anualidade e para ambas as categorías é a seguinte:

Anualidade 2019: 200.000 €.

Anualidade 2020: 600.000 €.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Descargas: