Primeira adhesión ao convenio da Fegamp co Colexio de Aparelladores

Data: 

mércores, 5 Xullo, 2017 - 12:00

Trala firma do convenio de colaboración entre a Federación Galega de Municipios e Provincias e o Consello Galego de Aparelladores e Arquitectos Técnicos para a formación práctica de profesionais desta disciplina, o concello de Frades firmaba hoxe a súa adhesión a dito convenio dando o primeiro pulo a esta colaboración entre entidades. Este acordo permite o ofrecemento de bolsas de prácticas nos concellos e deputacións de Galicia e posibilita que as entidades que o desexen oferten unha praza de formación, que será cuberta con aparelladores/as que se atopen en situación de desemprego.

 

O presidente da Fegamp, Alfredo García, xunto co alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez e o presidente do Consello Galego de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, Roberto Medín Guyatt, realizaban esta mañá o acto de firma de adhesión do concello de Frades como primeiro en adherirse ao convenio de colaboración entre a Fegamp e o Consello Galego. que. O acordo permite o ofrecemento de bolsas de prácticas nos concellos e deputacións de Galicia e posibilita que as entidades que o desexen oferten unha praza de formación, que será cuberta con aparelladores/as que se atopen en situación de desemprego.

Segundo o presidente da Fegamp, Alfredo García, este convenio ten dous obxectivos principais: “permitir que a persoa beneficiaria adquira experiencia no traballo diario do eido local e que as entidades locais conten cunha incorporación na área de arquitectura técnica”. Do mesmo xeito o alcalde de Frades, Roberto Martínez, destacaba: “este tipo de convenios axúdannos aos concellos para dotar de persoal áreas que non podemos cubrir doutro xeito”. E por último, o presidente do Consello Galego de Aparelladores, Roberto Medín Guyatt, destacaba a importancia de estes acordos “debido a que a crisis pegou forte na nosa profesión e este convenio axuda aos profesionais do noso sector a achegarse de novo ao mundo laboral”.

Frades foi a primeira adhesión, pero o resto dos concellos e deputacións que o desexen poderán ofrecer prácticas mediante adhesión a este convenio. O acordo estará regulado polo Consello Galego que se compromete a ofrecer garantías de igualdade, obxectividade e mérito na elección de candidatos. Unha comisión mixta formada por integrantes da Fegamp e do Consello Galego velará porque se cumpran os criterios establecidos.