PROGRAMA DE FOMENTO DA REXENERACIÓN E RENOVACIÓN URBANA E RURAL DO PLAN ESTATAL DE VIVENDA 2018-2021. PRAZO: 17-09-2018

Data: 

sábado, 18 Agosto, 2018 (Todo o día) a luns, 17 Setembro, 2018 (Todo o día)

 

Instituto Galego da Vivenda e Solo 

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2018 pola que se regula o procedemento para a participación no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021, se abre o prazo de presentación de solicitudes e se establecen as bases reguladoras das axudas previstas para este programa.

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto regular o procedemento para a participación no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural previsto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (código de procedemento VI408K).

Participación dos concellos

1. Poderán participar no programa de rexeneración e renovación urbana e rural os concellos que teñan algunha ARI declarada no seu termo municipal.

2. A materialización da participación no programa terá lugar a través da formalización dun acordo específico entre o Ministerio de Fomento, a Comunidade Autónoma de Galicia e o correspondente concello, de acordo co previsto no artigo 49 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

3. O acordo que se vai asinar establecerá que o concello actúe como entidade xestora do programa, fixará o financiamento máximo previsto, as anualidades correspondentes á achega do Ministerio de Fomento e da Comunidade Autónoma de Galicia e os demais compromisos que deriven deste programa.

4. Nos termos previstos na normativa de subvencións e no acordo entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución do Plan estatal de vivenda 2018-2021, os concellos asumirán as obrigas de publicidade establecidas para potenciar a difusión da información das actuacións deste programa. Esta información constará nos carteis exteriores descritivos das obras de rehabilitación e de urbanización nos cales figurará o importe das subvencións achegadas polas distintas institucións. Tamén deberán figurar carteis nas oficinas municipais de rehabilitación en que se faga constar que estas son financiadas con achegas das administracións asinantes dos acordos específicos.

5. A execución deste programa deberá estar finalizada e xustificada antes do 31 de decembro de 2021 ou nos prazos que se establezan no Convenio de colaboración para a execución deste Plan estatal 2018-2021 e nos que resulten de conformidade co establecido no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

6. A convocatoria das subvencións que realice o concello, unha vez asinado o acordo específico, deberá axustarse ás bases reguladoras aprobadas nesta resolución e aos demais requisitos establecidos no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

7. Sen prexuízo das consecuencias previstas nos acordos específicos polo incumprimento das obrigas e compromisos asumidos nestes, a falta de execución das actuacións previstas nestes acordos específicos poderá ser tida en conta polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para os efectos, se é o caso, da formalización de novos acordos de financiamento ao abeiro deste programa.

Oficinas municipais de rehabilitación

1. De acordo cos compromisos asumidos por cada concello nos expedientes de declaración de ARI, a Administración municipal deberá manter unha oficina de rehabilitación para a xestión e o impulso de actuacións de rehabilitación no ámbito das áreas declaradas.

2. Estas oficinas contarán cos medios humanos e técnicos suficientes para a realización das súas funcións.

3. As oficinas de rehabilitación tramitarán os expedientes municipais de subvencións convocadas e realizarán as xestións derivadas das exixencias deste programa, baixo as directrices e a coordinación do IGVS. Ademais, proporán as medidas necesarias para desenvolver as actuacións derivadas da declaración de ARI ou, se é o caso, as medidas para mellorar o funcionamento da devandita área. Así mesmo, asesorarán e prestarán unha atención directa, persoal e especializada aos promotores que leven a cabo as actuacións de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas.

4. As axudas que, se é o caso, poidan percibir os concellos para o financiamento dos gastos de mantemento da oficina de rehabilitación concederanse de acordo co establecido nos ordinais décimo cuarto e seguintes desta resolución.

Persoas beneficiarias

1. Poderá ser beneficiaria destas axudas quen asuma a responsabilidade da execución integral da ARI delimitada pola actuación.

2. As persoas e as entidades beneficiarias das axudas deberán reunir os requisitos establecidos no artigo 7.2 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

3. Cando a execución da actuación corresponda a varias persoas beneficiarias, a axuda distribuirase en proporción ao custo asumidos por cada unha delas. As persoas beneficiarias destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións. Cando se trate de comunidades de persoas propietarias, esta regra resultará igualmente de aplicación, con independencia de que, tanto o seu importe, como o custo das obras, deba repercutirse nas persoas propietarias e, se é o caso, nos locais comerciais ou predios doutros usos compatibles, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, cando algún dos membros da comunidade ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias incorra nunha ou varias das prohibicións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, non se atribuirá á dita propietaria a parte proporcional que lle correspondería da axuda recibida, que se rateará entre os restantes membros da comunidade ou agrupación.

4. Os concellos poderán ser beneficiarios das subvencións previstas para os gastos de mantemento dos equipos técnicos e das oficinas de rehabilitación, así como das previstas para actuacións de urbanización e reurbanización.

Para poder ser beneficiarios das subvencións autonómicas previstas nesta resolución, os concellos deberán ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais de cada exercicio.

5. Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou a quen se lle revogase algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa ou á entidade solicitante.

Actuacións subvencionables

De conformidade co artigo 51 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, son actuacións subvencionables as seguintes:

1. As previstas no artigo 36 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, para o Programa de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas.

2. As previstas no artigo 43 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, para o programa de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas, para o fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas.

3. A execución de obras e/ou traballos de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, mesmo no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos aos estándares previstos pola normativa vixente.

4. A execución das seguintes obras de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano:

1. As de urbanización e reurbanización material dos espazos públicos, tales como consolidación, pavimentación, xardinaría, infraestruturas, instalacións, servizos de abastecemento de auga, saneamento, subministración enerxética, iluminación, recollida, separación e xestión de residuos, telecomunicacións e utilización do subsolo.

2. As de mellora da accesibilidade dos espazos públicos.

3. As de mellora da eficiencia ambiental nas seguintes materias:

a) En materia de auga, as de redución do uso de auga potable e de rega, as de xestión sustentable das escorrentías urbanas, as augas pluviais e residuais, e as de xestión de depuración e o seu retorno adecuado ao medio.

b) En materia de enerxía, as de mellora da eficiencia enerxética en edificación e en servizos urbanos, as de implantación de enerxías renovables e sistemas de climatización centralizada ou de distrito, considerados eficientes segundo a Directiva 2012/27/UE, as de fomento da mobilidade sustentable e, en xeral, todas aqueloutras destinadas a reducir a demanda enerxética, as emisións de gases contaminantes e a aumentar o uso de enerxías renovables.

c) En materia de xestión de residuos e uso de materiais, as de mellora da reciclaxe dos materiais, conforme os plans nacionais ou autonómicos de recollida de residuos, as de uso, tanto de materiais reciclados ou renovables en edificacións e en urbanizacións como de materiais locais, ligados a estratexias de promoción dunha xestión sustentable do territorio.

d) En materia de protección e mellora da biodiversidade, as infraestruturas verdes urbanas, como as propostas de conectividade de espazos verdes, de promoción de cubertas verdes ou de implantación de especies adecuadas ao medio.

5. As obras de demolición de edificios e de vivendas e as obras de construción de edificios de vivendas e vivendas de nova construción. Os novos edificios e vivendas deberán ter unha cualificación enerxética mínima B e cumprir, en todo caso, coas exixencias do Código técnico da edificación.

6. As obras de construción de edificios e de vivendas, nos supostos de infravivenda e de chabolismo. Nestes casos, a edificación farase en función das unidades de convivencia residentes e das súas características e non en substitución doutros ou doutras demolidas, co fin último de posibilitar a súa inclusión social, a través do desfrute dunha vivenda digna nun contexto integrador.

7. Así mesmo, serán subvencionables:

a) Os custos dos programas de realoxo temporal dos ocupantes de inmobles que deban ser desaloxados da súa vivenda habitual ou, no seu caso, de que ocupasen unha infravivenda ou unha chabola, a consecuencia da correspondente actuación. Inclúense tamén as actuacións de acompañamento social integral e individualizado das unidades de convivencia para favorecer a adecuada inclusión de cada un dos seus compoñentes no seu novo entorno.

b) Os gastos de equipamento e das oficinas de información, de xestión e de acompañamento social de actuacións subvencionables.

Prazo

Os concellos interesados en participar neste programa no ano 2018 deberán presentar a súa solicitude nun prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Descargas: