PROGRAMA DE MOBILIDADE TRANSNACIONAL XUVENIL GALEUROPA 2018. PRAZO: 18-06-2018

Data: 

sábado, 19 Maio, 2018 (Todo o día) a luns, 18 Xuño, 2018 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social 

Orde do 2 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa, dirixido ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil e se convoca para o ano 2018. BDNS (Identif.): 398531.

Obxecto

O obxecto é a concesión de axudas para os proxectos de mobilidade transnacional dirixidas á mocidade inscrita no SNGX no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, non ocupada e non integrada nos sistemas de educación ou formación, para realizar prácticas formativas non laborais en entidades/empresas públicas ou privadas en países europeos, durante un período mínimo de dous meses e máximo de tres, cun mínimo de 100 horas formativas mensuais.

O período de realización das prácticas formativas non laborais nas empresas ou entidades rematará en todo caso o 30 de novembro de 2018.

Beneficiarios/as

BS324A. Mozos e mozas individualmente, inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil (en diante, SNGX) e que figuren como beneficiarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

BS324B. Entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da mocidade.

BS324C. Concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Contía

A contía global da convocatoria é de 2.512.627,00 €, cofinanciada ao 91,89 % pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo.

A distribución de créditos é a seguinte:

BS324A: 844.571,00 € con cargo á aplicación 12.05.313A.480.0.

BS324B: 1.168.056,00 € con cargo á aplicación 12.05.313A.481.0.

BS324C: 500.000,00 € con cargo á aplicación 12.05.313A.460.0.

Outros datos

Todas as entidades e persoas ás cales se lles conceda a axuda recibirán un anticipo do 80 % sobre o total da cantidade concedida, se así o solicitan.

A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva e efectúase, en cada procedemento, por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.

As axudas están suxeitas ao réxime de custos simplificados baseados en custos unitarios. Na convocatoria establécense unhas táboas con importes que varían en función do país de destino, do número e da duración das mobilidades, así como do número de persoas que participen nos proxectos.

Os conceptos subvencionables son:

– No procedemento BS324A, Gastos para realizar prácticas formativas non laborais, inclúe custos de aloxamento e manutención das persoas participantes, viaxe ao país de destino, transporte local e seguros de accidentes e responsabilidade civil, así como o seguro médico e axudas para o apoio lingüístico.

– Nos procedementos BS324B e BS324C, ademais dos gastos para realizar as prácticas formativas non laborais (custos de aloxamento e manutención, viaxe ao país de destino, transporte local e seguros de accidentes e responsabilidade civil, así como o seguro médico dos mozos e mozas participantes), establécense outros gastos de apoio á organización e execución da mobilidade que comprende apoio a aspectos organizativos (inclúense gastos como a convocatoria, a selección, o apoio lingüístico e a preparación sociocultural de participantes) e gastos de execución dos proxectos (apoio para as viaxes de mentores da entidade de envío e apoio para os gastos da entidade de acollida).

O prazo para xustificar as accións subvencionadas será o 10 de decembro de 2018.

Prazo de presentación de solicitudes: 18/05/2018 - 18/06/2018

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Descargas: