SUBVENCIÓN PARA A MELLORA DAS COLECCIÓNS BIBLIOGRÁFICAS DAS BIBLIOTECAS OU AXENCIAS DE LECTURA PÚBLICAS MUNICIPAIS INTEGRADAS NA REDE DE BIBLIOTECAS DE GALICIA. PRAZO: 09-02-2017

Data: 

martes, 10 Xaneiro, 2017 (Todo o día) a xoves, 9 Febreiro, 2017 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria 

ORDE do 22 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a concellos de Galicia para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de bibliotecas de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. BDNS (Identif.): 327786.

 

Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras da subvención para a adquisición de fondos bibliográficos con destino ás bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de bibliotecas de Galicia para o ano 2017.

A finalidade é posibilitar a mellora dos fondos bibliográficos que configuran as coleccións das bibliotecas públicas municipais de Galicia, mediante a adquisición de novidades bibliográficas, co fin de colaborar na súa actualización e mantemento e, deste xeito, dar cumprida resposta ás demandas dos usuarios.

Beneficiarios

1. Poderán optar a estas subvencións os concellos de Galicia, titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de bibliotecas de Galicia.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Fondos bibliográficos obxecto de subvención e exclusións

1. Será obxecto desta axuda a compra de monografías (tanto libro infantil como libro dirixido ás persoas adultas), material sonoro (CD e vinilo), videogravacións (DVD, Blu-Ray), recursos electrónicos (CD-ROM, DVD-ROM ou calquera outro formato para videoxogos), partituras e material cartográfico (mapas e planos). Estes materiais deberán estar dirixidos ao mantemento ou renovación da colección e terán por obxectivo o préstamo a domicilio ou a consulta dentro das instalacións da propia biblioteca.

2. O número máximo de exemplares que se poderán adquirir por título será de 3.

3. Un 25 % do importe concedido destinarase á adquisición de fondo bibliográfico editado en lingua galega.

4. Non serán obxecto desta axuda reproducións facsimilares, gravados, grandes obras de consulta (enciclopedias en varios volumes, repertorio de xenealoxía e heráldica, etc.), pinturas, publicacións periódicas (revistas, xornais, boletíns…) ou calquera outro material non mencionado no punto 1.

Axudas

A contía indicativa inicial da subvención determinarase en función do número de habitantes de cada concello solicitante, segundo as cifras oficiais de poboación en 1 de xaneiro de 2015 publicadas polo Instituto Galego de Estatística, de conformidade coa seguinte táboa:

– Menos de 2.000: recibirán un máximo de 800 €.

– De 2.001/5.000: recibirán un máximo de 1.500 €.

– De 5.001/10.000: recibirán un máximo de 2.000 €.

– De 10.001/20.000: recibirán un máximo de 2.500 €.

– De 20.001 a 30.000: recibirán un máximo de 3.000 €.

– De 30.001 a 50.000: recibirán un máximo de 4.000 €.

– Máis de 50.001: recibirán un máximo de 5.000 €.

O cálculo da axuda que se concederá realizarase sobre a porcentaxe que resulta de aplicar o total de crédito orzamentario dispoñible (350.000,00 €) sobre o total de subvención que se vai conceder segundo a táboa anterior (sumatorio do número de concellos por tramo multiplicado por contías individuais indicativas por tramo). A devandita porcentaxe multiplicarase polas contías individuais indicativas da propia táboa.

Prazo

Os concellos que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 5703.22 KB
PDF icon DOG Nº. 5 - EXTRACTO431.05 KB
galer_a_fotos