SUBVENCIÓNS A CONCELLOS PARA O APOIO, PROMOCIÓN E DIFUSIÓN DAS FESTAS DECLARADAS DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA. PRAZO: 20-02-2017

Data: 

venres, 20 Xaneiro, 2017 (Todo o día) a luns, 20 Febreiro, 2017 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia 

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017. BDNS(Identif.):329074.

Obxecto

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto sufragar parcialmente os investimentos directamente vinculados ao apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia.

Será requisito indispensable que a festa conte coa declaración de interese turístico de Galicia regulada no Decreto 4/2015, do 8 de xaneiro, polo que se regula a declaración de festas de interese turístico de Galicia (DOG núm. 12, do 20 de xaneiro).

Non serán obxecto de subvención as festas que, ademais da declaración de interese turístico de Galicia, conten coa declaración de festa de interese turístico nacional e/ou internacional segundo establece a Orde ITC/1763/2006, do 3 de maio, pola que se regula a declaración de festas de interese turístico nacional e internacional (BOE núm. 135, do 7 de xuño).

Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia en que se celebren, durante o ano 2017, festas declaradas de interese turístico de Galicia incluídas no obxecto desta convocatoria.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias destas subvencións as agrupacións que, non tendo personalidade xurídica, estean integradas por municipios nos cales se celebren festas declaradas de interese turístico de Galicia que reúnan os requisitos establecidos no parágrafo anterior, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención para aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Esta agrupación non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.

2. Os requisitos para seren beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do concello.

Financiamento e concorrencia

1. As subvencións relativas ao apoio, promoción e difusión de festas declaradas de interese turístico de Galicia obxecto desta resolución imputarase á aplicación orzamentaria 04 A2 761A 760.1, proxecto 2017 00005, cun crédito de 300.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de incoación.

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2017.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

2. As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 3.000 euros, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os citados gastos non acaden os 3.000 euros, a contía da axuda será, como máximo, o importe destes.

3. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concurrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

4. A Axencia Turismo de Galicia asinou un convenio marco coa entidade financeira Abanca para o apoio á promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico na Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co establecido no dito convenio, Abanca comprométese a contribuír ao desenvolvemento das festas de interese turístico mediante a realización dunha achega económica, en concepto de colaboración, ás entidades públicas ou privadas promotoras das festas.

De estaren interesados nesta colaboración, deberán manifestar a súa conformidade marcando o recadro correspondente no anexo II de solicitude. Abanca achegaría para a promoción da festa un importe de 1.500 euros, polo que o concello estaría obrigado a incorporar na súa publicidade o distintivo corporativo da entidade bancaria nun lugar visible e destacado xunto coa imaxe da Axencia Turismo de Galicia.

Esta colaboración levarase a cabo a través da sinatura dun protocolo de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia, Abanca e o concello.

A achega da entidade Abanca é independente e complementaria da subvención que pode recibirse ao abeiro desta resolución.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte; se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: 

galer_a_fotos