SUBVENCIÓNS A CONCELLOS PARA O APOIO, PROMOCIÓN E DIFUSIÓN DAS FESTAS DECLARADAS DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA. PRAZO: 15-05-2019

Data: 

martes, 16 Abril, 2019 (Todo o día) a mércores, 15 Maio, 2019 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia 

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019. BDNS (Identif.): 449200.

Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto sufragar parcialmente os investimentos directamente vinculados ao apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia (liña 1).

2. Tamén será obxecto de subvención a posta en marcha, durante a celebración das festas declaradas de interese turístico de Galicia, da campaña de información e sensibilización fronte á violencia sexual en espazos públicos: AGRESIÓNOFF, Eu digo non á violencia sexual, utilizando para iso a marca creada para estes efectos (liña 2).

3. Será requisito indispensable que a festa conte coa declaración de interese turístico de Galicia regulada no Decreto 4/2015, do 8 de xaneiro, polo que se regula a declaración de festas de interese turístico de Galicia (DOG núm. 12, do 20 de xaneiro).

Non serán obxecto de subvención as festas que, ademais da declaración de interese turístico de Galicia, conten coa declaración de festa de interese turístico nacional e/ou internacional segundo establece a Orde ITC/1763/2006, do 3 de maio, pola que se regula a declaración de festas de interese turístico nacional e internacional (BOE núm. 135, do 7 de xuño de 2006).

4. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva por rigorosa orde de entrada no rexistro, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados no ano 2019.

Unicamente será subvencionable un evento por concello solicitante.

6. Considéranse gastos subvencionables, en relación coa liña 1, aqueles relacionados coa promoción e difusión turística da festa como publicidade, cartelaría, anuncios nos diferentes medios de comunicación, actuacións artísticas, material gravado referido á festa, etc.

No caso de celebración de festas gastronómicas serán subvencionables os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.

En todo caso, a publicidade da festa debe respectar a guía de publicidade non sexista elaborada pola Comisión asesora de publicidade non sexista, órgano dependente do Observatorio Galego de Violencia de Xénero. A citada publicidade non poderá atentar contra a dignidade da persoa ou vulnerar os valores e dereitos recollidos na Constitución, especialmente aqueles a que se refiren os artigos 18 e 20.4.

A utilización de calquera publicidade que non respecte o establecido no parágrafo anterior, suporá a perda ao dereito ao cobramento da subvención e, se é o caso, o reintegro das contías recibidas, segundo se establece no artigo 21 destas bases.

No que respecta á liña 2, serán gastos subvencionables aqueles relacionados co desenvolvemento da campaña AGRESIÓNOFF, Eu digo non á violencia sexual, como material para difusión, cartelaría, punto de información, merchandaxe....

7. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias; os xuros, recargos e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

8. Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Neste suposto, tamén deberá achegar a resolución de adxudicación do contrato, na cal se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia en que se celebren durante o ano 2019 festas declaradas de interese turístico de Galicia incluídas no obxecto desta convocatoria.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias destas subvencións as agrupacións que, non tendo personalidade xurídica, estean integradas por municipios en que se celebren festas declaradas de interese turístico de Galicia que reúnan os requisitos establecidos no parágrafo anterior, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que aplicará cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación. Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.

2. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do concello.

Financiamento

1. As subvencións relativas ao apoio, promoción e difusión de festas declaradas de interese turístico de Galicia (liña 1) imputarase á aplicación orzamentaria 11 A2 761A 760.1, proxecto 2017 00005, cun crédito de 306.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de incoación.

No que respecta ás subvencións para a posta en marcha, durante a celebración das festas declaradas de interese turístico de Galicia, da campaña de información e sensibilización fronte á violencia sexual en espazos públicos: AGRESIÓNOFF, Eu digo non á violencia sexual (liña 2), imputaranse á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.460.0, proxecto 2019 00001, cun crédito de 300.000 €, que transferirá para este proxecto a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia á Axencia Turismo de Galicia. Estes fondos proveñen do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero (Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade).

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: